Terceiro na Academia

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

07 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Xosé Terceiro Lomba, galego-habaneiro, ten moitas virtudes, mais os amigos considéranlle unha especial: ameniza paseos e rexoubas coma ninguén, ás veces acompañado polo irmán Xaime e polo fillo Carlos, que vai de aprendiz. Escoitar a súa versión do 23F, en que actuou de maneira determinante (como saben Tejero e «o Soberano», que así lle chama o Pepe), é unha delicia, unha inmersión na España da negrura e da esperanza. Pero tamén se lle pode escoitar sobre economía mundial, telemática, electrónica e enerxías alternativas. Neste campo, pouca xente no mundo saberá tanto coma el de bioetanol ou de centrais solares de concentración: é o rei dos heliostatos.

E iso foi, probablemente, o que o levou á Real Academia Española cun discurso moralizante, escrito no seu pazo de Arzúa. Académicos coma Villanueva ou Rojo daríanlle o voto, e non só por «cabildeo» (linda palabra hispana, anterior a lobbying) dos galegos mencionados. Tivo apoios dabondo porque na RAE se sabe que ás academias das linguas lles cómpre contar coa compoñente técnico-científica. Sempre humilde, malia ser home de moitos millóns a facturar e centos de persoas a mandar, o catedrático Terceiro xa demostrara no Consello da Cultura Galega o seu coñecemento de campos que van da electricidade á aviación pasando pola agricultura; e na Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do CCG fixo amigos para sempre. Como os fará na RAE (que, no fondo, é o que lle importa). Ánimo, Pepe.