¿Evitará España a segregación catalá?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

27 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Despois dos resultados, é a pregunta pertinente. ¿Non a evita por que non sabe, non quere ou non pode? En relación co envite catalán pola independencia estase a discutir o suxeito da decisión política. En contra da capacidade de decisión catalá empréganse argumentos positivos e negativos. Entre os amables menciónase unha longa historia común, que Cataluña é fundadora e definidora do actual marco constitucional e parte orgánica do Estado. Entre os negativos insístese na falsificación do pasado ou advírtese da ilegalidade e anticonstitucionalidade dunha consulta. En xeral fálase do oportunismo político de Mas e de fuxida cara diante do catalanismo no contexto da actual crise. Precisamente dende a conxuntura é como pode enfocarse o empeño dunha parte da sociedade catalá, na perspectiva da longa traxectoria de alternativas aos problemas de articulación contemporánea do Estado español: 1812, 1833, 1873, 1875, 1898, 1931, 1936, 1978. E máis a experiencia das últimas catro décadas.

Explicar o 60 % dos votos en favor do dereito de decisión catalán en termos de identidade cultural e lingüística ou de balanzas fiscais nunha simple aproximación antropolóxica e económica non abonda, porque as nacións non son só identidade, historia ou economía senón, principalmente, política e políticas. A actual opción catalá pola independencia é, mal que non se queira entender, produto do éxito do Estado das autonomías. Un éxito non acompañado pola flexibilidade do propio sistema político español e a súa ideoloxía unitarista de fondo. Unha consecuencia da nula capacidade de adecuación aos cambios producidos. Mudou a sociedade e a política pero non mudaron ao compás as estruturas creadas na lóxica do café para todos da transición, amortecedor daquela das demandas das tres nacións históricas e culturais; tampouco se moveron moito, polo visto, a cultura e a ideoloxía do nacionalismo español. Agora estamos nunha mudanza histórica difícil de precisar e nunha creba producida polas rixideces do sistema. Isto si é historia e non a colección de curiosidades que se adoita facer pasar por tal.

O vello nacionalismo español de relicario non da para máis e os discursos federais tan falados como pouco practicados preséntase desesperadamente agora como federalismo de última instancia. Preguntémonos: ¿Por que sobrevive unha Administración ministerial central sen competencias? ¿Por que a reliquia das provincias e as deputacións do vello Estado unitario? ¿Por que o servizo exterior español permanece inmutable sen incorporar a realidade das autonomías e da UE? ¿Por que non se adecuou o Senado á realidade autonómica? ¿Por que se impiden a capacidade recadatoria e a responsabilidade fiscal? ¿Por que se nega a realidade plurinacional na constitución dos poderes do Estado? ¿Por que non se avanzou no cuatrilingüismo formal no conxunto do Estado? ¿Por que se negan as nacións históricas constitucionais? Por empezar con algunhas das cuestións que se formularán de certo.