Máis eleccións

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

16 nov 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Semella que as eleccións non rematan nunca. Primeiro as autonómicas, logo as americanas, e estes días as catalás.

Para non querer formar parte de España, estannos involucrando a todos na súa actividade política. Sabemos máis da súa campaña que da nosa propia. A min, tanta promoción electoral esgótame, máis que nada porque non podo evitar pensar: máis do mesmo.

Envexo as eleccións norteamericanas. Non só porque eles poden votar electronicamente (gran comodidade tanto para os que non saben onde estarán ese día, coma para os que lles toca contar os votos), tamén porque son máis xustas e reais. Existen roldas de votacións dentro dos propios partidos e entre eles, un xeito máis xusto e real de repartir os votos. Se o partido que nos gusta non acada unha representación mínima, poderemos elixir entre os restantes, o que máis coincida cos nosos ideais. Os electores redirixen o seu voto, e iso está moi ben.

Por se fose pouco, despois de responderen ás preguntas dos cidadáns, quedáronme máis claras as medidas concretas que tomarían Obama ou Romney no caso de acceder á presidencia, das que levarían a cabo calquera dos nosos candidatos autonómicos.

Aquí a nota de color da campaña electoral pona Toni Cantó, cun vídeo no que o seu partido amosa, en clave de parodia e humor, a visión que ten sobre a súa situación. E o concepto queda totalmente definido. Polo menos, unha faísca nova que nos fai esquecer a monotonía canseira dos discursos políticos.