E studei. ¡Vaia se estudei! Moito. Innumerables horas. Porque tiña que facelo. Porque quería gañar un futuro, unha oportunidade. E necesitaba conseguila por min mesma. E con iso alimentei a ilusión duns anos. Ata chegar ao obxectivo.
Ben. ¿E agora que? A romper os cornos por aí adiante. Buscar traballo. Chamar ás portas. E seguir aprendendo, para poder saber realmente en qué queres traballar. Unha chega a pensar que un día poderá incluso elixir.
Pero as cousas sempre se torcen. Saes á rúa con toda a ilusión e o ímpeto que che dá a inconsciencia da xuventude, pensando que podes comer o mundo, pero? o mundo axiña te devora. Os atrancos semellan todos salvables ata que caes unha e outra vez.
Non hai traballo. Xa non. Probas a facerte o máis versátil posible, a enfrontarte novamente a cousas novas sen deixarlle lugar ao medo. Pero tampouco. Péchanse as portas. Sofres. E volves engordar os números do paro, aínda que cada día atopas máis caras novas facéndote compaña. ¡Vaia!
¿E que fas? ¿Que solución hai?
Desmoralízaste e decides que non valeron de moito todos aqueles anos entre libros, apuntes, exames, esforzo? ¿Que consegues con todo iso agora? Levalos colgados do corpo coma froios inservibles. Porque tampouco confías en que a situación cambie.
A mellor opción que atopas é inventar contos aos nenos para manterlles vivos por un tempo os seus soños. Pero ás veces nin forzas quedan para iso.