Alcoa e o futuro

José Manuel Barreiro FIRMA INVITADA

OPINIÓN

23 sep 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Garantir a viabilidade e competitividade das dúas factorías que a empresa Alcoa ten en Galicia é unha prioridade para o Goberno da Xunta e do Estado, e loxicamente para os concellos directamente implicados. O mantemento de máis de 2.000 postos de traballo é un argumento de peso para non dubidar do demostrado compromiso das Administracións, para comprender a lóxica preocupación social e para contextualizar as diversas mobilizacións convocadas para reclamar unha solución ao problema.

O obxectivo de todos é, como non podería ser doutro xeito, establecer as condicións necesarias para asegurar a continuidade desta actividade industrial e os postos de traballo que xenera, tanto directos como indirectos. O problema reside no custo da electricidade que a empresa deberá satisfacer para manter a súa produción, e nesa negociación están inmersos a propia Alcoa, o Ministerio de Industria e as eléctricas.

A estas alturas coido que o interese da empresa e do Goberno por buscar unha saída satisfactoria a esta situación está fóra de dúbida. En consecuencia, é preciso tamén unha implicación profunda das propias eléctricas en establecer unha tarifa algo máis flexible que, claro está, garanta os seus resultados económicos pero tamén a viabilidade das empresas afectadas. Trátase de acadar un acordo que resulte beneficioso para as partes implicadas e nese pg2groceso, como a propia negociación leva implícito, todos deben buscar puntos de encontro e non de disensión.

E cando falo de todos implico tamén ás forzas políticas. E neste contexto non me parece nin axeitada nin construtiva a actitude do Partido Socialista que, coma sempre fai, inhíbese da súa responsabilidade e renega da súa herdanza.

Claro que o máis importante neste intre é buscar solucións que den continuidade a Alcoa e aseguren o seu futuro con todo o que elo implica, tanto no que atinxe á conservación de postos de traballo como a súa nada desdeñable contribución aos respectivos PIB provinciais.

Pero tampouco é un asunto menor ter presente as razóns que nos levaron a estar onde estamos. E neste punto hai que dicir que o déficit tarifario resultante da xestión do Goberno socialista, que como en tantas outras cousas foi nefasta, ascende a 24.000 millóns de euros e esta cifra, queiramos ou non, encarece o prezo da electricidade (que experimentou varios incrementos consecutivos) e condiciona o custo de produción das empresas dependentes deste tipo de enerxía.

E fago outro apunte; este montante supón que os socialistas, nos sete anos nos que dirixiron o Goberno central, multiplicaron por 17 o déficit eléctrico tarifario, posto que no 2004 ascendía a 1.499 millóns. Hai que recoñecerlle aos dirixentes do PSOE unha maestría especial para xerar débeda e non estaría de máis, dadas as súas dotes, que contribúan a resolver o problema que tan ben souberon crear.

Botar balóns fóra non é nada responsable. É responsabilidade de todos chegar a un acordo que a todos beneficia. Neso debemos centrarnos e implicarnos. Non están os tempos para correr o risco de perder postos de traballo nin actividade empresarial.