Polo libro

< / span> FIRMA INVITADA

OPINIÓN

Hai anos, no entorno da crise económica dos setenta e ao fío do debate sobre a vixencia das políticas económicas keynesianas, un economista hebreo observou que xa no Vello Testamento se explicaba en qué consistían. A referencia era, obviamente, ao Xosé que, interpretando o soño do faraón exipcio das sete vacas gordas e as sete vacas fracas, advertiulle de que representaban sete anos de abundancia seguidos de sete anos de fame, e aconselloulle o aforro e provisión dun quinto do producido nos anos bos para facer fronte aos sete de fame.

Ao igual que o do Xénese, o Keynes contemporáneo recomendoulles aos líderes do noso tempo equilibrar o seu orzamento ao longo do ciclo económico: para facer fronte ás épocas de crise, os Gobernos deberían estimular a economía gastando máis do que ingresaban (isto é, incorrendo en déficits que se financian mediante o endebedamento público), pero tamén aforrando nas etapas de crecemento (é dicir, xerando superávits cos que reducir a débeda pública). A segunda parte do consello, como demostraron entre outros James Buchanan e Richard Wagner, tendeu a ser esquecida polos líderes das democracias avanzadas: desexosos de revalidar maiorías parlamentarias incrementando o gasto público, financiárono (total ou parcialmente) mediante o recurso á débeda, un mecanismo pouco visible e de escaso impacto electoral. Porque coa débeda ou se transfiren os custos cara ás xeracións futuras ou se empobrece á poboación, porque cando quen compra a débeda é o banco central o que fai é imprimir máis billetes co efecto automático e inmediato de reducir a renda das persoas a través da inflación que se xera.

Xa en Galicia, resulta extremadamente ilustrativo observar cómo actuaron os que gobernaron nos tempos da abundancia orzamentaria. Entre o 2005 e o 2009 Galicia tivo anos de abundancia grazas ao sistema de financiamento autonómico: recibiu máis de 2.200 millóns de euros por riba do orzamentado. Nese mesmo período, a débeda pública da Xunta se incrementou en termos absolutos (incluídas as empresas públicas) en 925 millóns de euros. Adicionalmente, e como consecuencia da negación da crise dos Gobernos socialistas en España e do bipartito na Xunta, os orzamentos do 2008 e o 2009 incluíron 2.175 millóns que o Estado anticipou á comunidade autónoma, e que o actual Goberno de PPdeG, reconvertidos xa en liquidacións negativas, está a devolver (a dez anos, grazas a que o Goberno popular duplicou o prazo que eses dous grandes políticos autonomistas, Zapatero e Salgado, estableceran antes de deixar a Moncloa). É dicir: nos anos de vacas gordas a débeda pública galega se incrementou en máis de 3.100 millóns, duplicando a recibida. A meirande parte desa cantidade (o 80 %), por certo, lonxe de reducir o endebedamento, destinouse a gasto corrente, e non a investimento, e quedou pegado aos orzamentos cos que tiveron que lidar as dúas conselleiras de Facenda do Goberno Feijoo. E agora, cando socialistas e nacionalistas fachendean de keynesianismo krugmaniano para enfrontalo ao perverso neoliberalismo merkeliano, critican, a maiores, a política de endebedamento da Xunta nos tempos nos que a facenda pública está máis famenta.

Ao longo do último ano, pareceu que os socialistas asumiran o seu erro. Seguindo as propostas académicas (de novo Buchanan) de establecer regras constitucionais para equilibrar o orzamento ao longo do ciclo económico, regras asumidas polo conxunto da UE (e polo tanto tamén por España e os seus Gobernos socialistas), apoiaron a reforma constitucional do 2011. En Galicia, os socialistas votaron a favor da lei de estabilidade orzamentaria (a emenda máis radical que se lle podía facer ao bipartito: de terse aplicado no pasado, debería ter gastado case 2.000 millóns menos, e reducido á metade a débeda pública que herdaran). Pouco durou o exercicio de responsabilidade: nada máis perdido o Goberno central os socialistas galegos emendaron a lei de estabilidade orzamentaria en Galicia, e non apoiaron o desenvolvemento da reforma constitucional no Congreso.

Nos últimos catro anos, a Xunta endebedouse para manter o gasto público en tempos de crise seguindo o consensuado en Europa e en España, mesmo a nivel constitucional. A débeda pública galega ten crecido en termos absolutos, pero tamén pasou de estar por riba a estar por baixo da media das comunidades autónomas se colla o indicador que se colla. Galicia endebedouse seguindo o libro. Mágoa que os socialistas, en Galicia e en España, non o seguisen no pasado. Así deixaron ao país: non coa despensa chea que Xosé lle preparou ao faraón, senón, coma os cananeos do libro, a pedirlle axuda aos veciños que puxeron orde nas súas contas cando as vacas baixaban fermosas pola beira do río.