Un horizonte difícil

Víctor F. Freixanes< / span> VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

A situación é certamente apurada, e as marxes de actuación son tan estreitas, tan limitadas, que resulta difícil albiscar unha saída sen cuestionar a maior. Mariano Rajoy vén de dar unhas explicacións estremecedoras: «Non temos opción. Vén o camiño marcado». Seica non queda máis que dicir amén e obedecer. ¿Que capacidade de resposta, decisión ou actuación temos os cidadáns que eliximos os nosos representantes nos Parlamentos (autonómico, estatal, europeo)? ¿Para que están os Parlamentos?

A mecánica histórica ten fases moi concretas. Lanzámonos á construción dunha unidade europea que ficou a medio facer e na que renunciamos a moitas cousas (entre outras a unha parte importante da soberanía, incluída a capacidade para tomar decisións económicas), pero sen consumar un espazo político e representativo (dos cidadáns) para elixir os xestores dese proxecto; representativo do conxunto da UE, quero dicir, non dun sector hexemónico da mesma. Entregámonos cegamente a un modelo que nos viña imposto (o neoliberalismo feroz que se dispara logo da caída do muro de Berlín) e deixámonos ir, engaiolados na fantasía dos novos ricos. Os Gobernos do presidente Aznar e do ministro Rato implementaron esa estratexia entre nós, inspirada nas políticas de Reagan e Thatcher, liquidando boa parte do patrimonio público e desartellando na práctica os principios do Estado do benestar, a gran conquista da Europa da posguerra. Crecimos coa especulación inmobiliaria e deixamos que nos pechasen os ollos con préstamos que chegaban de fóra: todos queriamos AVE, universidades ao pé da casa, aeroportos, todos queriamos e queremos máis... ¿U-las políticas de investimento en capital humano, renovación dos procesos de produción, investigación, coñecemento..? Temos o país cheo de carcasas sen nada dentro (a Cidade da Cultura, a Cidade das Ciencias en Valencia...).

Algúns levantaron fortunas, pero agora hai que pagar os préstamos. ¿A quen? Aos mesmos que nos deixaron os cartos e cobraron as obras que en moitos casos eles mesmos construíron ou avivaron. Renunciamos á nosa capacidade de producir a cambio de diñeiro fácil para mercar os produtos que os outros fabricaban (subvencións) e, cumpridos os prazos, velaí a factura dos cobros, impoñendo xuros e calendarios. Dicía a esquerda grega que de acordo, pero negociemos os beneficios por ambas partes, todos han ter que renunciar a algo. As grandes cadeas de opinión dominante descualificaron a proposta «por inviable e suicida», dicían, e impuxeron administradores propios. ¿Para que os Parlamentos? Os centros da soberanía popular fican anulados ao servizo dos novos amos: a especulación internacional, as grandes corporacións transnacionais, que non teñen patria, interesadas arestora en afogar a ferramenta monetaria da Unión (o euro). A cidadanía vese atada de mans. Hora de apañar o botín. E ao final, sempre pagan os mesmos. Se cadra non é exactamente así. Pero moitos vémolo así.