Xaime Isla Couto

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

29 abr 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

G ustáballe cantar. Brillábanlle os ollos cando se xuntaba cos traballadores e traballadoras de Galaxia a celebrar algunha cousa, algunha onomástica, un novo proxecto, e alguén abría a sobremesa cunha cantiga das rías. Tiña na mirada unha luz especial, e sempre un sorriso no rostro, a man disposta para se entregar. Así o recordo cando con vintepoucos anos, en sendo un xornalista mozo, entrei por primeira vez na súa casa para conversar e me recibiu Cristina, a súa dona. Daquela estaba a nacer o meu primeiro libro, Unha ducia de galegos (1976), no que hai un capítulo dedicado a el.

Xaime Isla Couto, cofundador de Galaxia no ano 1950, xunto con Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, á sombra petrucia de don Ramón Otero Pedrayo, non deixou moita obra escrita, nin produción artística coma outros. O seu labor de maxisterio e sementeira construíuse teimosamente nas distancias curtas, na rebotica da Fundación Penzol todas as tardes, por poñer un caso, por onde pasaron mozos e mozas que hoxe ocupan postos sobranceiros na política, na economía e na sociedade galega. Ou na Escola de Peritos de Vigo... Eran outros tempos.

As primeiras producións de música contemporánea en galego naceron por iniciativa e xestión de Xaime Isla: o Venceremos nós, por exemplo, un canto espiritual, que lle pediu a Xosé Manuel Beiras e a Xosé Luis Franco Grande que traducisen ao galego, editado por Galaxia/Edigsa en 1967, na voz de Luis Olivares, e que logo sería himno contestatario do 68 compostelán. E as coleccións de socioloxía e economía da editora, xunto coa Revista de Economía de Galicia (1958-1968), consciente de que a construción da Galicia moderna pasa necesariamente pola creación de riqueza material e de riqueza espiritual, excedentes necesarios para concibir o progreso. Ou a tradución da Biblia e o Novo Testamento ao galego dende a editorial Sept, que tamén axudou a crear, logo do pulo do Concilio Vaticano II?

Na trepia fundacional de Galaxia cada quen tiña o seu papel. Ramón Piñeiro era o estratego ideolóxico naquela época. Fernández del Riego o brazo executivo. Xaime Isla Couto, o animador dos grandes proxectos, algúns dicían que o soñador, pero ¿que sería de nós sen o soños? Teño diante de min algúns dos seus organigramas, deseños de planificación (era un excelente debuxante): a rede comercial, as posibles delegacións da empresa cultural mesmo alén das nosas fronteiras, en Europa e en América, apoiándose na rede social dos galegos, a creación de novos produtos ademais do libro e da edición clásica, programas para o compromiso da cidadanía?

«Sen galeguismo non hai Galicia», dicía, e defendía a tese dun galeguismo civil arraizado na historia e na memoria dos devanceiros, sobre o que fundamentar o discurso da política, a cultura, a economía, as institucións, a universidade, as empresas? Galeguismo integrador. Optimismo da vontade, que non se abaixaba nunca. E gustáballe cantar, repito. Así o recordo: coma quen celebra todos os días o milagre da vida.