PSdeG-PSOE, ¿que rumbo?

OPINIÓN

09 mar 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O resultado electoral das eleccións autonómicas do 2009 marcou un novo tempo político en Galicia. A imposibilidade de reeditar o único Goberno progresista emanado directamente das urnas na recente historia da autonomía galega requiría entón a definición dun novo proxecto para unha nova etapa no PSdeG-PSOE. Non obstante, a dirección política preferiu daquela artellar un congreso exprés, destinado a reproducir o poder, sen revisar o proxecto e as propostas programáticas.

O ciclo político cambiou tamén en España coas eleccións municipais e as eleccións xerais do 2011. Os socialistas sufrimos sendas derrotas e perdimos coma nunca votos e poder institucional, e as enquisas posteriores advirten de que algunha desas tendencias aínda se pode acentuar. É certo que a crise castiga os gobernos, pero os cidadáns valoran tamén a xestión e coherencia dos gobernantes.

Agora o PSdeG está chamado a un novo congreso. E este tería que ser un congreso centrado no debate de ideas e na reformulación do proxecto político. Hai que abrir o partido á sociedade, revitalizar o debate ideolóxico, profundizar os mecanismos de participación democrática e modernizar a proposta programática contra a crise económica en Galicia.