¿Q ue hai por baixo do que se ve? O que se presenta e escenifica coma un lío é a fin dun proceso, como outros, que comezou na transición española e agora finda trufado cos cambios a nivel mundial. Remata unha vía de agrupamento fraguado entre 1982 e 1993, histórico e polo tanto tanxibel e xa que logo reformulable cando mudan as súas bases. E mudaron, nesta segunda década do século XXI, as condicións obxectivas e subxectivas que o definiran, como tantas outras con orixe na disolución do franquismo: recuperación da memoria histórica, 15-M... Pero o mundo da transición resístese.
A outro nivel, estamos na resaca da posguerra fría e a globalización que a seguiu, asociada en Europa á expansión da UE cara o leste. Despois da caída do muro de Berlín estourou un proceso globalizador depredador que acompañou e segue acompañando á revolución conservadora impulsada por Thatcher e aqueles neocóns que renovaron o pensamento reaccionario ata facelo dominante, único dicíase, acompañado dun neoliberalismo económico doctrinario. Doutra parte e fronte a iso dende 1989 apareceron fenómenos novos, e non me refiro só ao chamado altermundismo, senón a Lula no Brasil, ao Frente Amplo en Uruguai, ou aos Verdes alemáns no Goberno federal.
Fraguáronse solucións transformadoras e capaces que sumaron posicións de esquerda clásica europea -no mellor sentido- e nova -recoñecedora das mudanzas e recoñecible polos cidadáns como alternativa- que sen perderen o paso da resistencia lograron avanzar na construción dende o Goberno. Á vez apareceron moitas novas experiencias sociopolíticas ligadas ás TIC e o mundo en rede, algúns partidos abríronse aos cidadáns non militantes a través dos sistemas de primarias ou doutras formas. O BNG formou brillantemente parte dese novo conglomerado mundial de solucións. Pero non se consolidou o modelo porque resolver as contradicións do paso polo Goberno, a inexorable perda de apoios electorais e a fondura sen lindes da crise actual, fixo reaparecer as vellas solucións e os medos conservadores que -tamén- padece a esquerda. Óllese ao PSOE.
Despois de tantas adaptacións, mudanzas e avances, a crise latente no BNG quixo resolverse pola vella e a inelasticidade levou á creba. Estruturas, elites, formas de comportamento e pensamento pelexan por manterse cando todo mudou ao seu arredor. Iso só é perceptible cando estalan as crises. Lección do marxismo que paradoxalmente aprenderon mellor os conservadores que a esquerda. O que acontece no BNG dá conta do conflito entre as mudanzas e as vellas solucións que temen asumir os cambios no tipo de partido, organización social ou militancia. É imposible seguir a gobernar hoxe aquí organizacións políticas con regras de clandestinidade resistente por moito empeño que poñan os que a viviron e por moito que logren impregnar aos que non puideron vivila. A retórica do pasado encapsulada en elites non serve para o presente. Para moitos o país necesita futuro.