Para que produza efecto esta columna ou conxuro, apócema ou remedio, bálsamo ou menciña, deberá recortarse e gardarse en peto ou carteira, bolso ou adminículo que estea preto de vostede dende hoxe ata o mércores de cinza. Acompáñese de xentes de bo e malvivir. Abrace todo o que sexa mester, rebolíguese no gozo de vivir e ser vivido. Punto. Inicio. Reset. Vamos!!! Ouh, san carnaval, santo entroido da miña tribo e de todas as tribos golfas do norte e do sur, salvador dos feos e malpocados, dos que perderon e dos que nunca gañaron, danos saúde e alento e risa e afectos. Lémbranos que só o camiño do exceso conduce ao palacio da sabedoría, como escribiu Guillermo Blake. Que vale máis un gramo de tenrura que tres quilos de ouro, compro ouro, vendo ouro. Danos, santo noso, forza para afrontar a crise e non lles outorgues a túa alegría a aqueles que nos venderon, aos mercados que mercadean e fan do corazón outro mercado. Santo meu, gloria da miña tribo, ofrécenos amor agora que o amor é o máis barato, o único que abriga nestes meses de frío frío frío. Entroido, danos carne e líbranos do úrico, da gota, do colesterol, reumas, gripes e elevadas glicosas. Cómenos o mal e compártenos a ventura e enérxica vitamina das máscaras, entroido noso que quitas todas as mágoas e quebrantos. Danos vida, agora que a vida nos falta: tanta crise tocándonos a zanfona. Grítanos, tócanos as chocas da alma, axítanos por dentro, crécenos no desexo, na fortuna de ter alguén que nos ame. Ilumínanos, entroido curador. Sálvanos, carnaval furioso de furia bendita. Danos a luz. Quítanos do túnel. Ilumínanos. Hoxe e sempre. Amén.