Q ue saiban que eu rin a cachón co sketch dos bonecos do Canal Plus francés sobre os nosos deportistas, e cheguei á conclusión de que están tan afeitos a vivir nese espazo sacrosanto chamado «deporte español» que xa non saben levar sen protestar a equipaxe que vén da man do éxito. Rin con eles igual que rin coas caricaturas de Mahoma, coa portada de El Jueves sobre a Casa Real e con todas as chanzas diarias que facían sobre o Goberno Aznar os mesmos bonecos. É humor e así o entendemos sempre, agás con eses deportistas aos que, non sei por qué, outorgamos o título de heroes nacionais, honra que comparten con Belén Esteban. Así escrito paréceme evidente que esta columna fala, en realidade, dunha perogrullada.
A min, que son antimoralista por definición, amólame un pouco ese empeño de presentarnos o deporte coma o culme de tódalas virtudes e o espazo onde se atopan as mentes máis preclaras do país. Deporte español tamén é un fútbol agresivo que mima a uns millonarios con cerebro adolescente, un ciclismo no que predominan as puñadas polas costas, un tenis no que explotan nenos, un atletismo no que o único que vale é ganar a costa da saúde. E deporte español é tamén o Instituto Nóos de Urdangarin.
O deporte en España terá máis xenios que a Universidade de Santiago, non o nego, pero o que desde logo non ten é sentido do humor ningún, esa cousa que nos fai falla para sobrevivir a políticos, escritores, mestres, albaneis e cociñeiros. Só que, cando nos tocan o espírito patrio... ¡ay de los míos! E mentres España se indigna, os deportistas seguen pagando os impostos polas súas fortunas nos países que, enriba, se rin deles. A cuadratura do círculo.