¿Francés ou portugués?

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

10 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O DOMINIO de linguas é imprescindible no mundo globalizado, que non vai renunciar ás diferenzas lingüísticas porque -como indicaría Castelao- non hai máis idioma universal que o dos cans. Por iso cómpre aplaudir a presenza de dous idiomas estranxeiros no sistema educativo galego. Dando por suposto que a maioría dos alumnos vaian escoller o inglés como primeiro, a peculiaridade galega fai pensar na rendibilidade do segundo. A dificultade do alemán e a súa restrición a espazos exclusivamente europeos dá vantaxes ao francés, que ben se estuda aproveitando coñecementos dunha lingua latina e mais do inglés (inzado de termos franceses ao longo da súa historia). Para máis valores, a lingua imposta en Francia tamén é a natural -ou a franca- da Francofonía africana e americana. Mais o francés é difícil de dominar con xeito, polos seus caprichos múltiples, que inclúen unha pronuncia recortada e confusa. E fronte a iso aparecen a sinxeleza e a precisión do portugués, base da Lusofonía, idioma de potencias emerxentes a un lado e outro do Atlántico. Se a política lingüística de Galicia tende a consolidar o galego como idioma libre de castrapismos, parece lóxico que se fomente o portugués como segundo idioma estranxeiro. O salto do galego correcto ao portugués normativo é infinitamente menor que o do castelán ao francés. Vén sendo unha cuestión de economía lingüística, ou de economía e cultura: da posibilidade de tratar en termos de negocio e ocio, doadamente, con centos de millóns de persoas.