Unha de cambios

| MARÍA CANOSA |

OPINIÓN

CAMBIARON a EXB o BUP e o COU pola educación primaria, ESO e bacharelatos, pero non cambiou a selectividade. Non mudaron os nervios de mediados de xuño para lembrar os conceptos aprendidos ao longo de varios anos; de novo as viaxes ás facultades para examinarse e tomar o primeiro ou único contacto con elas. Para moitos este paso é o máis importante, mentres que para outros o máis complexo vai ser decidir a carreira que marcará as súas vidas e decidirá o seu futuro. Hai quen o ten moi claro, e quen dubida ata o último instante, no que non lle queda máis remedio que solicitar por orde de preferencia os seus estudos. O caso é que estas datas son de nervios, incluso para os que xa deixamos as aulas hai algún tempo. Certo é que resulta preocupante a nova coa que a Xunta nos está agasallando estes días. Nun acto que aínda non sei se é de ousadía ou boa fe, comunícannos que comezan os preparativos para afrontar a máis que próxima temporada estival co obxectivo de reducir os incendios en Galicia a tan só nove mil. ¿Falan de nove mil focos de lume? ¿«Tan só» nove mil? Aínda que ningunha das medidas que se pretendían levar a cabo durante meses, sen ter que agardar a que de novo chegue a calor e o bo tempo, desapareceron no transcurso dos días, penso que finalmente poden conseguir esta fazaña, porque hai que ter en conta que a inmensa extensión que ardeu o verán pasado, dificilmente poderá volver a prender no lume desta volta. Atrás quedaron as ideas para a concentración de montes, para limpar a maleza, para programarse e montar equipos de vixilancia... Non era preciso. A tarefa estaba feita. Coas árbores queimadas no 2006 e as inundacións que varreron a cobertura vexetal despois, malo será que se incremente a minucia de 9.000 focos de lume. Realmente, é case imposible.