«Miña casiña, meu lar»

| MARINA MAYORAL |

OPINIÓN

13 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

EN LA VOZ lin unha reportaxe sobre as dificultades dos galegos para conseguir e manter unha vivenda. Non son máis nin peores que noutras partes de España, pero penso que na nosa terra sófrese máis por ese motivo. Dicían no xornal que agora hai un tipo de préstamo bancario que consiste en recibir unha paga mensual ata a morte a cambio da casa, que pasa a entidade financiadora no momento no que o beneficiario deixa de existir. Os descendentes, se os hai, poden recuperar a vivenda pagando o préstamo e os intereses. Segundo dicían, mil galegos se acolleron a este tipo de hipoteca. Lembreime nada máis ler aquilo dun poema de Rosalía de Castro, que glosa en Follas Novas un cantarciño popular que di: «Miña casiña, meu lar, / ¡cantas onciñas / de ouro me vals!». Rosalía desenvolve o cantar colocando á súa protagonista nas máis extremas condicións de pobreza: pon esas palabras na boca dunha muller que ven andando de Santiago a Padrón, descalza de pé e perna, sen comer nin almorzar. Chega á súa casa morta de fame, pero alí non ten nada para remediarse. Pídelle a un veciño ben acomodado un pouco de boroa, e este négallo. Volta triste e avergoñada para a súa casa e alí atopa nun recuncho dunha artesa un pouco de fariña. Quere acender o lume, pero non ten leña, e de novo unha veciña lle nega esa axuda. Chora a pobre, pero no cortello atopa uns garabullos e cunha presada da palla do seu leito consigue facer lume e finalmente un caldo coa fariña, un pouco de unto e unhas coles da horta. E contenta canta : «Meu lar, meu fogar, / ¡cantas onciñas / de ouro me vals!». Rosalía soubo captar o apego especial do galego á súa casa, por modesta que sexa. Noutro poema do mesmo libro, un labrego que non quere emigrar di: «Quen casa ten de seu, ten media vida...». Coido que os mil galegos que empeñaron a casa para sobrevivir terán o consolo de poder morrer nela, aínda que para iso empeñen xunto coa casa a metade da súa vida.