VIÑA TREMENDO: ¿e se o presidente da comunidade me corta a luz porque Greenpeace e a ministra de Medio Ambiente pediron que protestemos simbolicamente contra o quecemento global desenchufando todo cinco minutos? Seguro que, enriba, apagaba a calefacción... Cheguei e, esquivando un violador agachado no escuro portal, metinme correndo na casa. De certo, a luz non funcionaba e o frío no me deixaba vivir. Busquei candeas e chisqueiro. Pero ¿onde estaba o chisqueiro? Como tamén contamina, seguro que o collera o presidente. De golpe, lembrei que o móbil fai de lanterna cando vou ao cine. Saqueino do peto e, coa súa luciña, abrín camiño cara ao sofá. Mágoa que Nokia non faga móbiles que dan calor. Sentei a esperar os cinco simbólicos minutos. Pasaron segundos. Despois, dous minutos. Tres. Catro. Cinco. Seis. É difícil sincronizar todos os reloxos de Europa co do presidente da comunidade, pensei. Dez minutos. Quince. Por fin, afixen a vista ao escuro. O ordenador tampouco estaba. Nin as lámpadas, o forno e a tele. Os enchufes, selados con silicona. Efectivamente, comprobei nerviosa que o móbil non tiña cobertura. O violador xa debía estar subindo, cunhas gafas de visión nocturna mercadas á ministra, quen, previsora, llas roubaría a un funcionario de Defensa. Xa está, fixérono -pensei-, conseguiron someternos. Sempre souben que aproveitarían a nosa mala conciencia ecolóxica para eliminarnos. Sen podermos falar. Sen comida quente. ¡Sen tele! Sen escribir que somos idiotas por deixarnos apagar neses únicos cinco minutos diarios de lecer que lles conquistamos, precisamente, aos que quecen o planeta, coma se non soubésemos que contaminan máis eles ca nós. Despois disto, pobre do que proteste cando Fenosa nos corte a luz. Agora témoslles que deixar que salven a Terra á nosa conta.