Couto Mixto de Bruxelas

| XAVIER ALCALÁ |

OPINIÓN

21 nov 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

BRUXELAS hoxe ten semellanzas co Madrid de hai corenta anos. Daquela, Madrid era a capital dun mundo acoutado polos Pireneos. Hoxe, a capital de Bélxica é a da Unión Europea. Cando os bachareis se trasladaban a Madrid para estudaren o que a universidade de Santiago non ofrecía, alá fundaron cos galegos funcionarios iniciativas culturais que influirían notoriamente na cultura galega. Arestora, son os galegos que se forman nos posgraos europeos quen se xuntan cos integrados na Administración da UE para daren pulo a iniciativas coma a da asociación do Couto Mixto de Bruxelas. Entre os seus membros hai unha consciencia de país que se define por certa bandeira superior, gastronómica e indubidable: a do único no mundo que come grelos (o que vai entre o Navia e o Mondego e estende a súa influencia ata o Texo de Lisboa). Na Unión con dúas ducias de idiomas oficiais manda un portugués de apelidos galegos que nunha recente comparecencia lembraba a idea do Umberto Eco: «O idioma da Europa é a tradución». Mais portugueses e galegos de Bruxelas saben de fala común espallada por catro continentes; e xúntanse baixo o belo lema de Couto Mixto. Cando se discuten termos raros acerca do Estatuto de Autonomía de Galicia, se cadra cumpría facer preguntas de fondo, aos galegos do interior e aos de fóra que non quedan só no gozo dos grelos. Unha delas sería sobre a forma de escribir, que separa a galegos e portugueses mentres une a flamengos e holandeses: tal vez no Couto Mixto de Bruxelas haxa resposta.