Revolta universitaria

OPINIÓN

NO COMEZO do novo curso académico, unha vez mais coméntase o deterioro da formación dos alumnos que chegan á universidade. Os rapaces, culpables do desastre só en parte menor (por falta de curiosidade intelectual), dan mostras de ignorancia grave: non saben a definición de metro nin a velocidade da luz e, por tanto, non son capaces de ponderar o que unha onda de radio -propagada a esa velocidade- tardaría en dar a volta á Terra... Este deterioro levou a que centros universitarios inventasen «cursos de adaptación» sobre coñecementos elementais de matemáticas e física, para poder seguir adiante co programa lectivo. Acontecía isto e os alumnos aceptaban o aprenderen canto se lles demanda antes de sufriren as consecuencias do caos do que proveñen. Pero, para sorpresa de quen ensina nas aulas da universidade, agora vén a revolta dos que tentan obrigar o profesor a explicarlles obviedades físico-matemáticas coma que é unha sinusoide (sen capacidade para eles intuíren a procedencia de «sinus» nin a indicación de «oide»). E, cando o profesor lles di que no programa da materia está implícito que tales coñecementos xa veñan adquiridos polo estudiante, aínda hai algún que esixe ser atendido en función do que pagou; como se dunha pasantía se tratase. O problema está en se o profesor ten que facer de mestre de academia de apoio ou dedicarse ás súas leccións maxistrais. E a solución, en que os centros de primaria e bacharelato deixen de ser garderías para nenos ata a idade de seren pais.