Código 13131

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

29 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

COMICIOS no Brasil. Un dos países máis poboados do continente americano (185 millóns de persoas) e potencialmente máis ricos, cando menos no que se refire a recursos naturais, aínda que coa riqueza ben mal repartida, acude o domingo ás urnas para elixir os seus gobernantes: deputados estatais (o equivalente ás nosas eleccións autonómicas), deputados federais e, por extensión, a presidencia da República. Segundo as últimas sondaxes, e malia os problemas graves de goberno que vén arrastrando, Luiz Inacio Lula da Silva segue a ser o candidato preferido polos brasileiros, moi especialmente polas amplas capas sociais desfavorecidas, que continúan a confiar nel (68 % da tendencia de voto), ata o punto de que pode saír elixido sen necesidade dunha segunda rolda. Pola circunscrición de Bahía, e nas listas do PT, presenta a súa candidatura ao Parlamento rexional María del Carmen Figueiredo, unha muller da Caniza, enxeñeira civil de profesión, de pouco máis de 50 anos, emigrante dende moi nena ao Brasil, casada cun galego case que da mesma parroquia. Digo polas listas do Partido dos Traballadores e digo mal, porque no Brasil as listas son abertas, os electores elixen ás persoas (non aos partidos) e os candidatos teñen que financiarse basicamente eles a campaña. María del Carmen é concelleira de Asuntos Sociais de Salvador de Bahía. O seu territorio son as favelas. Tivemos ocasión de acompañala un sábado, en plena campaña, casa por casa, porta por porta: antigos manglares, precarios palafitos, teitos de follalata e muros de cachotería: case 30.000 almas, coas que se está a traballar para dotalas de mínimos servizos, infraestruturas de hixiene e educación. Máis da metade da poboación da cidade, a cuarta do Brasil (2.500.000 habitantes), vive nestas condicións de miseria. «Centrei a miña vida nisto e nisto estou dende hai dezaseis anos», dime María del Carmen. O seu código electoral é o 13131. No Brasil non hai papeletas. A elección está informatizada. O elector entra na cabina e identifica ao seu candidato polo número, marca o seu voto na máquina e queda formalizada a votación. Hai dous candidatos máis, descendentes de galegos ou oriúndos de Galicia, nesta mesma xurisdición da Bahía: Xavier Alfaya (Pontecaldelas), que se presenta coas siglas do Partido Comunista, aliado do PT, e mais María Luísa Orxe, tamén filla de galegos de Pontevedra (socialdemócrata). A inmensa maioría dos galegos inmigrantes na Bahía son pontevedreses. Arredor de 60.000, segundo algunhas estimacións. Tamén eles votan, por suposto. Pero nada que ver con esta inmensidade humana dos suburbios, esta especie de alarido social, esta clamorosa denuncia.