O CARDEAL Bertone, a piques de iniciar o seu traballo como novo secretario do Vaticano -o colaborador máis achegado a Bieito XVI no goberno da Igrexa-, ven de manifestar nunha entrevista no xornal Il Giornale de Milán que é posible unha reforma inmediata da curia. Tal reforma do órgano reitor da Igrexa sería para facela, «máis pequena», «máis áxil» e «máis funcional»; mesmo coa posibilidade de que «todo este aparato deba ser mantido» ou non. Aínda que o cardeal lembraba nesa entrevista que xa se fixeran reformas na curia con Xoán Paulo II, e anteriormente con Paulo VI -tralo Concilio Vaticano II-, a realidade é que tal reforma é unha das materias pendentes máis importantes da Igrexa católica. Xoán Paulo II dedicou o seu longo pontificado máis a ser un superpárroco con vontade de pastorear in situ a Igrexa universal nas numerosas viaxes, que a gobernala desde as súas responsabilidades no Vaticano. Tal febre viaxeira parece que sería favorecida pola mesma curia, porque a deixaría gobernar ao seu ar; cremos que en prexuízo do bo goberno da comunidade cristiá. É moi coñecida nos ambientes internos da Igrexa unha anécdota atribuída a un curial, tralo Concilio Vaticano II, que quixo renovar fondamente a vida da Igrexa. Rematado o Concilio, cando os bispos volvían de Roma ás súas dioceses, tal monseñor, expresando o sentir de gran parte da curia, que tentara que o Concilio discorrera por vieiros menos reformistas do que pretendían gran parte dos bispos, dixo: «Vanse os bispos, pero a Curia queda». Queda para converter en papel mollado as fermosas declaracións conciliares e facer que a revolución do Vaticano II acabara na involución dende os anos 80, chea de medos aos cambios. Por iso, compre unha reforma en profundidade da curia, xa que non pode ser eliminada. Pode que o novo papa, ouse «meterlle man» a un organismo tan duro de roer.