ARDE o mundo. Tal é a sensación que produce. Cruzo a vila de Muros e a penas se ve o monte Louro, cuberto todo de cinza. Acabamos á beira da estrada atacando os toxos, xunto con outros espontáneos e unha chea de veciños. O fogo corre por debaixo da terra. Cotobade e Carballedo son unha inmensa cacharela. Se ollamos a paisaxe dende o ceo, a liña de focos resulta inequívoca: un cerco de lume que avanza dende Baiona, Vigo, Redondela, Vilaboa, Pontevedra e as estribeiras da Terra de Montes, ata Valga, Padrón, Amaía, con derivacións no Morrazo e no Salnés, no Barbanza e na Costa de Morte, e que semella unha sucesión de doas de rosario, diabolicamente programada. O segundo punto de referencia é Santiago, a capital de Galicia. Acción sobre as rías e os símbolos de goberno para lograr a máxima repercusión mediática. Era o xardín dos avós, segundo feliz expresión que lles escoitei un día aos vellos do lugar. Un xardín que se coidaba e administraba amorosamente (e interesadamente), porque formaba parte do equilibrio histórico, ecolóxico e económico dun xeito antigo de vivir. Ese xeito de vivir desapareceu, en parte como resultado da modernidade histórica, e coa desaparición daquel mundo, non tan distante no tempo, crebou tamén o equilibrio que o sostiña. No seu lugar ficou un buraco, un pozo enorme, sen organización nin recursos, sen planificación nin horizonte estratéxico, entregado á rapina dos especuladores, a improvisación dalgúns atrevidos e a indiferenza social (ata que chegan situacións como as que estamos a vivir). Os vellos do lugar asisten, abraiados, ao espectáculo da catástrofe, mais co escepticismo terrible de quen no fondo sabe bastante máis do que di. «Pregunten vostedes a quen beneficia isto», comentan. «Non é certo que o monte non sexa rendible. Hai moito diñeiro no monte. Hai moita xente que está a vivir do monte. Bastante máis da que vostedes pensan. Tampouco é certo que non existen leis no monte. Os que nisto actúan ben que saben desas leis. O que pasa é que vostedes, os da cidade, seguen véndoo coma unha fantasía, coma un xardín. E aquel xardín xa non existe¿». O vello xardín transformouse noutra cousa, certamente, e así é como haberá que abordar a situación. Primeiro, abrindo unha investigación a fondo (nomeando un xuíz especializado, igual que se abren liñas de investigación e recursos contra as mafias da droga ou contra o terrorismo) para sabermos dunha vez quén está detrás da criminalidade, quén move verdadeiramente o diñeiro do monte (incluído o gran negocio do lume). E segundo, actuando decididamente, coas leis da democracia na man, no ordenamento e programación da gran masa rústica e forestal que aínda hoxe segue a ser o corazón de Galicia, mesmo a memoria do que fomos, convertida arestora en facho enlouquecido. Un gran proxecto para a Galicia rural, en definitiva, tarefa obrigada para o inmediato curso político. Vai alá un ano da nova Administración. Debemos supoñer que se non tiñan antes todos os datos, hanos empezar ter agora, para arriscar programas e actuacións, ¿ou non?