Maltrato sanitario

OPINIÓN

SEICA a sanidade pública é lenta e a demanda de servizos sanitarios deriva cara á privada. Dise que, con todo, as capacidades de atención da privada nunca son tan altas coma as da pública. Ora, hai un feito que une as dúas formas de atención sanitaria con que se resolven as nosas necesidades: o maltrato verbal ou, polo menos, o trato indebido. A calquera que pase por servizos sanitarios pódeo sorprender a confianza con que os profesionais se dirixen aos pacientes. Xamais tratan unha persoa maior por «dona» ou «don», «señora» ou «señor». Chámanos polo nome e as máis das veces por «ti» en vez de por «vostede». Danse casos, que se poden rexistrar, nos que un mozo con bata branca ou pixama verde chama polo nome de pía un paciente de severas barbas grises e despois, se chega a encontrarse con este no seu escritorio, ponse a tratalo exquisitamente. ¿A que se debe tal fenómeno social? ¿Ensínase nas escolas de enfermería que o trato confianzudo ao doente facilita a relación con el? ¿Dise algo disto nas facultades de Medicina? Saberán os psicólogos en que se basean tales recomendacións, se as houber. Mais clínicas e hospitais non son redutos alleos ao resto da realidade social. Neles non se debe finxir escudándose na vestimenta médica. Non viría mal unha reflexión sobre o respecto e as distancias que dignamente debemos manter, uns cos outros, os que formamos sociedade; e sobre os títulos que nos damos (por exemplo, moi poucos médicos posúen o de doutor malia a súa posible sapiencia).