XOSÉ CARLOS CANEIRO
07 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.ESPAÑA, en ocasións, pecha por duelo. Sae o pobo á rúa e mancha de lágrimas o asfalto e o papel, rosa, das revistas. O pobo é o sustento do goberno pero sempre vai por diante del. Por tal motivo o goberno non se escandaliza polo feito, natural, de iniciar todos os informativos das televisións públicas co óbito dunha folclórica. É natural, reitero. O pobo é a realidade e o goberno unha virtualidade que nos engatusa, enfeitiza, engana. O Goberno invítanos a ler, investigar, culturizarnos e incluso ten ministerios e consellerías que perseguen tal fin. Pero o sistema cultural cala cando España pecha por duelo. Cando cambian as programacións das cadeas televisivas públicas. Cando a todas horas vestimos loito de folclore andaluz, flamenco, e cantares por soleá nos poros da alma. Ao Día das Letras Galegas non se lle dedicou nin un minuto nos telediarios. Tal vez teremos que ir pensando unha feira de abril. Ou inventarnos unha Rosalía que cante jondo , para chorar por ela tamén. Cando España pecha por duelo, España define cal é a súa esencia, razón, fundamento. E o columnista, que sente que esta España é de charanga/pandereta, entristece. E sen forzas, medio gastado, só pode escribir mortecinamente: ¡Protesto!