O DÍA 30 do pasado mes de maio andivemos polos Oscos, concretamente por Santalla de Oscos. Levounos alí que no lugar de Ferreirela, a carón da casa onde nacera Antonio Raymundo Ibáñez, marqués de Sargadelos, inaugurábase un edificio restaurado no que montaron un taller de cerámica e unha sala de exposicións que leva os nomes dos creadores do novo Sargadelos. Alí estaba o presidente do Principado de Asturias, o noso vello amigo Vicente Álvarez Areces, con catro consejeros , entre os que estaban a de Cultura, Ana Rosa Migoya, unha encantadora, intelixente e prudente rapaza coa que nos temos atopado en varias ocasións. Por suposto estaba o alcalde de Santalla de Oscos, Marcos Niño Gayoso. Entre as moitas personalidades que alí se congregaron estaba tamén outro vello amigo, José Luis Pérez de Castor, presidente do Ridea (Real Instituto de Estudios Asturianos), posuidor duna moi importante biblioteca en Figueras de Castropol. Na sala de exposicións do edificio inaugurábase unha mostra de catorce ceramistas asturianos, varios deles formados nas Experiencias Estivais de Sargadelos. A comarca dos Oscos conserva influencia galega. Non é o máis importante que o camiño principal se abra á Fonsagrada. O alcalde de Santalla pídelle un permiso cordial para se pronunciar na fala (é dicir, en galego) e o presidente do Principado, nun xesto cordialísimo, dille que por suposto. É un pracer poder tratar con xentes intelixentes e ben informadas como estes dous amigos. Santalla recuperou o seu nome primitivo logo duns tempos que afortunadamente parece que están superados. O nome de Santalla nos tempos da ditadura o levaba só o río que pasa por alí, mentres que á capital dos Oscos chamábanlle Santa Eulalia, que é o nome castelanizado da santa. Sobre esto hai uns 30 anos mantiven unha diferenza cun bo amigo, J. Evaristo Casariego, co que me unía a admiración polo marqués de Sargadelos e pola súa obra. El era o presidente do Idea (entón aíndan non tiña o R de Real). Home moi vinculado aos movementos tradicionalistas, creador do Tercio de Requetés de N. Señora de Covadonga, o que lle impedía ver que España ten unha tradición máis profunda que a que ven do século XIX e lle impedía recoñecer que nalgún tempo aquello se chamase Santalla, ata que un historiador lle mostrou un cento de documentos coa denominación de Santalla capital dos Oscos. Os feitos naturais estiveron condicionados por os gobernos e os caprichos dos que mandan. Armando Cotarelo, un dos valores do primeiro terzo do século XX, nado no que hoxe chaman Vegadeo e onte chamábase A Veiga, dicía que el era galego e que non tiña a culpa de que os bispos de Oviedo e de Mondoñedo rifasen por una muller (¡miúda femia debía ser esta!), contencioso que gañou o de Mondoñedo a costa de cederlle ao de Oviedo a comarca comprendida entre os ríos Navia e Eo, que pertencía á xurisdición eclesiástica de Galicia. Isto acontecía no século XIII.