Adeus, irmáns, serenos

XOSÉ CHAO REGO

OPINIÓN

06 may 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

MOI agradecido, lector e amigo, por acudires á cita semanal para poñérmonos, xuntos, ao abrigo ou abeiro da fe. Tanto a idade (74 anos) coma,e moito máis as doenzas, mandan sobre a propia vontade. Pásame o que Cristo resucitado lle dixo a Pedro: «Podes estar seguro: se cando eras novo ti mesmo puñas o cinto para ir onde che petase, cando chegues a velliño ti mesmo has estender os brazos e ha ser outro quen che poña o cinto para te levar a onde non queres». Dende xaneiro do 1970, La Voz de Galicia publicou máis de dous mil artigos meus. Por tal motivo, ao me despedir deste labor, saliento o valor que para min tivo a entrada para o diálogo, entre fe e galeguidade. Invoco a presenza de Ramón Cabanillas, que nos fala dende o fermoso poema: «¡Irmáns! En pé, serenos / a limpa fronte erguida / envoltos na brancura / da luz que cae de riba;/ o corazón aberto / a toda verba amiga / e nunha man a fouce,/ e noutra man a oliva».