CHEGAN noticias do Sahara, dos campamentos de Tinduf concretamente, ao sur de Alxeria, onde dende hai 36 anos resisten as haimas do Frente Polisario: as familias saharauis que abandonaron as súas terras en 1975, cando Marrocos ocupou impunemente os territorios do antigo Sahara Español. Dende entón, arredor de 500.000 persoas (vellos e nenos, ata tres e ás veces catro xeracións) agardan no medio do deserto e en condicións certamente infrahumanas unha solución internacional que non se produce, ou que non se executa: o cumprimento das disposicións da ONU e a celebración dun referéndum que determine o seu futuro. Din as noticias que nas últimas semanas un auténtico diluvio, unha poderosa enxurrada, que a natureza canaliza a través dos vales e as secas angosturas do deserto, arramblou cos fráxiles campamentos dos saharauis. Entre 60.000 e 80.000 persoas quedaron á ventimperie e sen amparo. A noticia apareceu moi de pasada nos medios: apenas un asubío nos avisos das axencias. Outros acontecementos ocupan as páxinas dos xornais, xa non digamos os minutos da televisión. Mesmo para a desgraza hai xerarquías. Visitei os campamentos de Tinduf no ano 87. Celebraba daquela o Polisario vinte anos de resistencia: a creación en 1967 do Movemento para a Liberación do Sahara, aínda en plena ocupación española. Xornalistas de todo o mundo, maioritariamente españois, asistimos ás ceremonias políticas e militares na inmensa chaira de pedregullo: as familias aliñadas arredor do goberno, as representacións internacionais abafadas polo sol ardente e a mocidade uniformada de verde desfilando a carón duns tanques que case que se desfacían a pouco de andar medio cento de metros. Seguen alí. Moi de cando en vez chega algunha noticia. As familias solidarias (e en Galicia hai moitas) acollen anualmente rapaces e rapazas que, durante algunhas semanas, coñecen outro mundo, outra realidade que, ollada dende a experiencia das ardentes areas, abofé que semella outra dimensión. Cando a miña estadía naquel mundo, a onde fun coa idea de documentarme para un libro que logo nunca fun capaz de escribir, coñecín a Ahmed-Anbdel, vello petrucio, señor dunha das haimas, na aldea de Smara, que había ter daquela case 90 anos. Fixera a guerra de España, con Franco. E coñecía Galicia. Estivera aquí unha vez, contra o ano 40 ou 41, antes de regresar a El Aium, a súa terra. Lembro que estabamos a falar de relixión, nas demoradas conversas do solpor, e pregunteille pola súa idea do Paraíso. «Para nós o Paraíso é coma o seu país», espetoume. «Verde. Sempre verde. Cos montes e os camiños cheos de auga¿». Pensei no vello Ahmed estes días, cando recibín a noticia das enxurradas feroces arrasando os campamentos de Tinduf. Pensei nas fráxiles tendas, esparexidas pola inmensidade da terra; nos ollos dos nenos, nacidos no desterro¿ Pensei na fortaleza delas, as mulleres: novas xeracións educadas na igualdade de deberes e dereitos dentro da colectividade (algo certamente importante na cultura musulmana)¿ Pensei no sacrificio dos catro terrons cultivados, protexidos do vento por muros de adobe, que a voracidade da langosta devora nunha noite. Pensei no abandono internacional. Tamén na responsabilidade española. E no vello Ahmed-Anbdel¿ Era moi maior. Seguramente xa non vive. Imaxino a súa figura petrucia, lanzal e dignísima, a pasear entre os comareiros verdes e por entre a música dos mil regatos¿