A REAL ACADEMIA GALEGA PRESENTA HOXE O PROGRAMA DO SEU CENTENARIO
01 feb 2006 . Actualizado a las 06:00 h.A REAL Academia Galega cumprirá cen anos o 30 de setembro e hoxe presenta o programa de actos do centenario, que chega nun momento de certo pulo da institución tras un tempo esmorecendo. A acta fundacional da Academia asinouse na Reunión Recreativa de Artesanos da Coruña, cidade na que mantén hoxe a súa sede. A Coruña, en contra do que pensa parte do país, é fondisimamente galega: nela naceron, ademais da Academia, as Irmandades da Fala e a Liga de Amigos da Lingua Galega (que xurdiu nas páxinas de La Voz). A día de hoxe, os coruñeses son tamén os galegos que máis libros mercan na nosa lingua. O centenario da Academia coincide no tempo co feito de que a Deputación da Coruña ten rematado un edificio magnífico, un cubo de cristal fronte a mar de Riazor, que non ten polo de agora destino claro. ¿Non sería boa idea empregar esa construción para sacar á Academia da sua estreitísima sede da rúa Tabernas e levala ao século XXI? Sería un xeito útil de subliñar o vello romance da Coruña co galego.