DIVERSOS medios de información reproduciron unha noticia publicada na revista NeuroImage na que se da a coñecer un estudio do profesor Hunter, da Universidade de Sheffield, que asegura que o cerebro dos homes fatígase de escoitar a voz feminina. A voz das mulleres, di, é moito máis rica en matices que a dos homes, e require o esforzo de todo o cerebro. Algo similar ao que sucede escoitando música. Mesmo parece que en certos niveis a voz das mulleres resulta incomprensible para o cerebro masculino. O estudio fíxose, ao parecer, con todo rigor, empleando técnicas de resonancias magnética, e ofrece unha xustificación fisiolóxica ao cansancio que as longas conversas con mulleres provocan nos homes. A noticia trouxeme á memoria unha historia que en 1997 publiquei nas páxinas de El Semanal co título de Noite de ronda . Contaba alí a experiencia nocturna dun rapaz que, despois de pasar horas bailando e bebendo cunha rapaza, acompañouna a casa no coche de seu pai coa sana intención de pasar con ela o resto da noite, dada a simpatía que a moza parecía demostrarlle. Nada mais montarse no coche, ela comenzou a falar, a contarlle a súa vida, mentres el conducía despaciño, conscente de que levaba algunha copa de mais. Chegados ante o portal da casa, el agardou a ver se ela lle dicía que subise, pero a moza seguía contándolle os problemas coa familia, a incomprensión dos seus pais respecto a súa vocación de bailarina, e el considerou que sería incorrecto interrumpila cun avance de tipo erótico, así que, apoiado no repousa cabezas, escoitouna atentamente... ata que ficou dormido. Cando despertou horas despois, atopouse só no coche e xeado de frío. El ficou moi avergoñado e ela moi decepcionada . Se os protagonistas desta historia coñecesen daquela o estudio do profesor Hunter quizás a noite tivese acabado mellor. A teoría é discutible, pero é boa como xustificación para o sono ou para non abandonar a un home que fica dormido cando lle falamos.