El próximo jueves, con La Voz, una nueva edición de la Guía de Másters de Galicia
ESTA non é. A algúns sectores económicos do Noroeste ocorréuselles que a regaleguización de Fenosa sería unha interesante iniciativa estratéxica e nuns poucos días, publicamente foron horas, erguéronse enormes expectativas que non se cumpriron pero que foron todo un síntoma que non debe pasar desapercibido. Explicábanse as esperanzas por unha aposta obxectiva de capital galego pero había tamén novas condicións subxectivas (o carácter do novo Goberno galego) que as alentaban. Todo parecía novo de súpeto pero o mercado ten regras mui sinxelas dende que os financeiros especuladores substituiron aos cabaleiros de armadura. Mais semella que a partida aínda continúa e os discursos do desexabel -que dende aquí se controle a enerxía que se produce e, polo tanto, un sector estratéxico con pasado, presente e muito futuro- aparecen enmarañados cos do posibel e arrebolados con intereses que, como os animais da Granxa de Orwell, son uns máis lexítimos e colectivos que outros. Ao frustrante resultado final seguíu un lamento xeralizado que aínda continúa. Case todos os diagnósticos coincidiron na falta de forza institucional e de peso político que este resultado parece demostrar. Sóubose tamén da incapacidade para apresentar unha fronte realmente unida do mundo financeiro e empresarial galego. Resaltaron o papel subsidiario da economía galega respecto da española e presentárono como unha expresión histórica das dificultades para autocentrarse. Elementos claves dos diagnósticos que fixeron nas súas obras Beiras, Suevos, Nogueira ou Facal dende hai máis de trinta anos apareceron en todas as análises. Ao cabo, o tempo pon a cada quen no seu lugar e no novo discurso empresarial galego apréciase o pouso maxistral destes autores. Aínda con liñas diferentes, dos seus traballos saíron algunhas das solucións máis practicabeis aos problemas históricos da economía galega. ¡Polo que se ve! O positivo do intento Fenosa, son as arelas, a reacción e as conclusións do proceso, que serven para demostrar o que xa se sabía pero agora se recoñoce: que este país necesita de accións conxuntas e de estratexias que o afortalen. Tamén se descubríu que o problema non viña de Portugal, por onde pasa o futuro transestatal, senón de Madrid por onde pasa muito pasado e onde triunfa o modelo de economía especulativa. Que o capital non ten patria é unha interesante idea pero só relativamente atinada: é certa desde o punto de vista da clase obreira explotada e tamén, paradóxicamente, dende o punto de vista das empresas internacionais máis fortes como alibí ideolóxico. Que o capital sempre tivo patria sabíano precisamente os historiadores de tradición comunista, como o E. Hobsbawm cando escribiu Industria e Imperio ou o gramsciano E. Sereni cando explicou como o Estado italiano construíu o mercado nacional. Nós tamén xa sabiamos que esta non é a patria de McDonald's pero si é a de Feiraco e Pescanova. Na era da globalización, da desregulación e o antintervencionismo, o capital ten patria ou é susceptible de tela, como en negativo demostran algúns políticos madrileños a propósito da opa de Gas Natural.