A man creadora

OPINIÓN

ESTABA nervioso, si, tiña que recoñecelo. Nunca se lle dera ben falar en público e, ademais, tiña que admitir que a súa teoría era arriscada. Mesmo revolucionaria. Agardaba un público receptivo, pero tería que vencer algunhas dificultades, como a de explicarlles aos norteamericanos onde quedaba Galicia. Había xa ben tempo que todo o país implantara na educación a teoría do deseño intelixente, Darwin non era máis que unha reivindicación de catro científicos aos que arriconaran a base de recortarlles fondos e toda aquela leria evolutiva do mono quedara no mellor dos esquecementos. Dubidou. ¿Poderían acusalo de atrevido? Certamente, a súa tese non pecaba de ambición: ía soster por primeira vez a presenza física da man creadora, a man executora do deseñador supremo. Rastrexara cada pegada, estudara cada indicio que podía levalo á tan desexado fin. Pero na casa non atopara máis que incomprensión. Non é máis que un bo lema turístico, dixéralle un representante da Administración, ao que tratara de convencer para atopar financiamento. Pero non se crea todo o que di a xente, as lendas son lendas, remachara. Un nunca era profeta na súa terra. Sentiu un calafrío ao subir á tarima. O auditorio, ateigado, impresionaba. «Damas e cabaleiros: cando Deus rematou a creación, descansou en Galicia. Da súa man quedaron como proba as nosas rías, testemuños da súa participación no deseño do noso mundo...». Aplausos. Treméronlle as mans e continuou, tragando cuspe.