falar.ben@lavoz.es
26 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.QUE o contexto serve para distinguir o sentido das palabras é algo que todos sabemos. Tanto cando lemos como cando falamos existen ao noso redor unha serie de circunstancias que nos axudan a entender, a comprender o sentido das palabras. O contexto é necesario para que a comunicación se produza. Non obstante, hai veces que a situación comunicativa non nos é favorable e necesitamos recorrer a outros elementos para coñecer o significado dal-?gunha expresión. Isto vén a conto a propósito dunha anécdota que lle sucedeu a unha persoa coñecida, que despois de estar agochada fregando as escaleiras dun portal sentiu unha forte dor nas costas. Unha veciña baixaba nese momento e a señora aproveitou para se lle queixar da dor do lombo. A veciña, un tanto espelida, díxolle: «Pois xa sabes, ¡fregas con alcohol!». A pobre muller non entendía que, aínda por riba de estar dorida, a veciña tivese a fachenda de recomendarlle fregar as escaleiras de novo con alcohol. Non pretendía tal. En realidade, estáballe a dar a solución ao seu problema de saúde: fregas de alcohol no lombo. O substantivo galego frega ten o significado de 'fricción aplicada a algunha parte do corpo como remedio curativo' e é sinónimo de freta . A sabedoría popular coñece destas fórmulas para sandar dores de cabeza, dores musculares, escordaduras, gripes. As fregas -palabra usada normalmente en plural- non só se aplican ás persoas senón tamén aos animais. Hai quen empregaba augardente para darlle fregas ás ubres das vacas cando daban leite. Polo seu significado este substantivo úsase tamén figuradamente como sinónimo de turra, malleira, tunda (¡Debías levar unha frega por ter chegado tarde!). En orixe frega é o 'acto ou o efecto de fregar', verbo este que se coñece sobre todo pola acepción de 'limpar algunha cousa pasando con forza sobre a superficie un estropallo, un cepillo, xabón ou calquera outro líquido adecuado'. As fregas proceden de fregar, porque o verbo tamén significa 'pasar con forza e repetidas veces unha cousa sobre a superficie doutra' , pero ademais usado como pronominal é sinónimo de rañarse, cofarse, cofearse, fretarse, isto é, 'rascarse un animal ou persoa contra unha parede ou outra cousa'. Con este sentido, úsase ás veces aplicado a unha ou máis persoas (No medio da noite fregábanse un contra o outro). Son moitos os verbos que en galego teñen o significado de 'rozar ou friccionar unha cousa con outra': arreluar, fretar, refregar, cozar, cofar, cofear¿ , pero especialmente curiosos resultan estes dous últimos, relacionados co francés se coiffer. Ambos gardan relación co substantivo pelo , pois o seu significado principal é 'alisar coa man a barba ou o cabelo'. Cofar e cofear poden, ademais, empregarse co sentido de aloumiñar ou acariñar, xa que tamén aparecen definidos como 'facer aloumiños a alguén pasándolle a man suavemente pola pel'. No fondo hai moitas maneiras de fregar, de rozar, de friccionar, todo depende da intensidade e a intención con que se faga.