QUIZÁ vostedes se decataron dende o comezo; eu tardei un pouco. Nos primeiros momentos o que me chamou a atención foi a imprevisión e a falta de recursos ante o desastre do que se supón o país máis poderoso do mundo e o máis avanzado tecnoloxicamente. Depois decateime de que nas imaxes terribles que saían na televisión só se vían negros: negros nos teitos das casas anegadas, tirados nos refuxios, deambulando perdidos ou flotando mortos polas rúas. Só negros. Sorprendeume porque en New Orleans, como en toda Louisiana, hai moitos brancos. Eu estiven o ano pasado en Baton Rouge, na universidade, e alí había moi poucos profesores negros, e tampouco entre os alumnos eran maioritarios. Moita xente decatouse dese feito e Condolezza Rice tivo que dar a cara e negar que houbese unha discriminación racial na axuda que se prestou á poboación. Pero as imaxes din outra cousa. A min houbo unha que me impresionou especialmente. Veuse en TVE-1: Un vagabundo e unha muller negra agardan dende hai horas que os recollan. Atopáronse naquel punto por casualidade e representan a parte máis desfavorecida da sociedade. Varias patrullas de policía pasan sen deterse ante os seus xestos de socorro. A xente de TVE decide intervir e son eles os que intentan conseguir inutilmente unha axuda. Por fin un coche párase. Nel vai un policía negro. A muller negra dille: «Non nos abandones, que somos teus irmáns». Entón a solidariedade racial funcionou e foron recollidos. O furacán Katrina destapou en EE. UU. unha realidade social que moita xente descoñece ou non quere ver, mesmo vivindo no país. Uns falan de catástrofes naturais e inevitables. Outros aproveitan a desgraza para atacar ao rival político. Pero máis aló de responsabilidades puntuais, que deben terse en conta, o importante é a existencia desa discriminación que a desgraza sacou a primeiro plano. E que non é exclusiva dos americanos. Por desgraza, todos temos ao noso arredor negros que morren e brancos que se salvan.