A morte dun cronopio


O PASADO mércores 27 falecía en accidente de tráfico o poeta e crítico literario argentino Saúl Yurkievich. Regresaba de Saignon, da casa que fora de Julio Cortázar, a París, pola autoestrada tantas veces percorrida por ambos, a mesma que deu orixe ó libro de Cortázar e Carol Dumlop Los autonautas de la cosmopista . O accidente aconteceu preto de Aviñón. Poeta e narrador, Yurkievich era especialmente coñecido polos seus traballos de crítica literaria, centrados nos autores do que se deu en chamar o boom iberoamericano. Libros como Identidad cultural de Iberoamérica en su literatura, A través de la palabra -sobre vanguardias literarias y otras concomitancias- , axudaron a comprender mellor o complexo universo reflectido polos escritores iberoamericanos nos seus textos. Especialista na obra de Julio Cortázar, do que fora íntimo amigo, mantivo viva no tempo a memoria do escritor e na actualidade traballaba para o Círculo de Lectores na edición das obras completas do autor de Rayuela. A Aurora Bernárdez, a primeira muller de Cortázar, de orixe galega, tradutora de grande prestixio e herdeira e administradora dos dereitos da obra de Julio, dedicoulle Yurkievich un relato, La palabra, no que é preciso atopar unha palabra que devolva a vida. Yurkievich era xeneroso con todos aqueles que se dirixían a el preguntando pola obra ou pola personalidade de Cortázar. Testemuño disto pode dar a coruñesa Rocío Santa Cruz, que contou coa súa colaboración para a exposición sobre as fotografías de viaxes de Julio Cortázar, e tamén eu mesmo. O libro Respirar polo idioma: os galegos e Julio Cortázar , que ocupou os tres últimos anos da miña vida e que estará nas librerías para o outono, inclúeo no apartado de agradecementos, xa que hai cousas nas súas páxinas que non serían sen a información facilitada por el. Carlos Fuentes dicía que os poemas de Yurkievich eran como sós de jazz para ser lidos en voz alta, música que nos acompañará sempre e na que buscaremos esa palabra capaz de devolver o alento.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

A morte dun cronopio