Ramón Lorenzo e César A. Molina

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

17 jul 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ESTES dou magníficos galegos rematan de traer á Coruña, é dicir a Galiza, un tributo de gratitude á nosa terra que os fai acreedores da maior admiración. Ramón Lorenzo tróuxonos á Coruña o Congreso Mundial de Cartografía, no que dous mil expertos relacionados con ela dos cinco continentes se diron cita para debater problemas de xeografía, convertendo A Coruña na capital mundial dos estudios cartográficos. ¡E mira ti se non houbese cidades máis importantes na Iberia que A Coruña para semellante evento! Mais para Ramón Lorenzo, que foi o armadanzas de todo, traer este congreso á Coruña era un deber que se impuxo. Coñezo a Ramón Lorenzo dende hai anos, cando ficaba ao fronte da delegación na Coruña do Instituto Geográfico Nacional cando en Madrid o dirixía outro importante coruñés, Rodolfo Núñez de las Cuevas. A Ramón Lorenzo non lle pasara desapercibido o mapa en relevo de Galiza que creara o inesquencible xeólogo Isidro Parga Pondal. Xa co Laboratorio Xeolóxico de Laxe no complexo do Castro de Samoedo a relación de Ramón facíase inevitable. Poucas institucións para entender estas cousas había na Galiza de entón, e no ano 82 Ramón Lorenzo organizou unha Exposición de Cartografía de Galiza e Bibliografía Xeográfica, na sala de mostras temporais do Museo Carlos Maside, cun homenaxe aos dous xeógrafos galegos: Domingo Fontán e Ramón Otero Pedrayo. Na mostra figuraban máis de 200 mapas, dende os máis antigos que se coñecen, das coleccións do Museo de Pontevedra e a excepcional de Carlos Martínez Barbeito, ademais das colaboracións da Real Academia Galega, Instituto Padre Sarmiento, e Laboratorio Xeolóxico de Laxe, entre outras aportacións. Axiña Ramón Lorenzo foi reclamado por Madrid, e seguimos vendo como polos seus méritos foi chegando aos postos principais, dende aquí até presidir este Congreso Mundial de Cartografía. ¡Sabe Deus con que esforzo tivo que defender á Coruña para a súa ubicación, fronte a tantos localismos que o quererían para si. Case simultaneamente, César Antonio Molina reunía na Coruña a todos os directores dos Institutos Cervantes espallados polo mundo adiante. E esta xuntanza non podía ser noutra cidade que non fose A Coruña, para lle facer ver aos demais, como quen non quere a cousa, que ademais do castelán, en España fálanse outros idiomas e que os Institutos Cervantes tiñan que dar conta desta realidade lingüística da Penínsua, e esto, naturalmente, tiña que ser cantado dende A Coruña porque así o quixo César Antonio Molina, que verdadeiramente el é unha torre de saber e de amor a esta terra. Descendente dunha ilustre familia coruñesa que padeceu o franquismo e defendeu a democracia verdadeira que busca o entendemento dos homes (pois hai outras democracias que fan as guerras para se quedar co que pertence aos demais). A familia de César Antonio Molina, non só se defendeu ela da dictadura, senón que axudou como puido a defender aos demais. Como axudou a fuxir ao presidente da Deputación coruñesa Alfredo Somoza... Temos que recordar a Antonio Molina e a César Alvajar, avó e padriño, respectivamente, de César Antonio Molina, cuios nomes leva o noso home por diante. Con xentes como Ramón Lorenzo Martínez e como César Antonio Molina, Galiza está no camiño de avanzar recuperando a súa personalidade histórica, pois eles son como bandeiras que arrastran a un pobo en marcha, de economistas, edafólogos, inxeñeiros, investigadores... e empresarios que seipan poñer os intereses de Galiza por riba dos seus negocios.