Invasores


VOULLES ESTRAGAR o final da última película de Spielberg. En esa Guerra dos Mundos gaña o noso. Xa está. Xa o saben. Aínda que moi probablemente xa o sabían, porque coñecerán a novela futurista de H.G.Wells na que o filme de Spielberg está máis ou menos baseado (concretamente, colleuse o título e pouco máis). Tamén coñecerán as diversas versións televisivas e cinematográficas que se fixeron sobre o libro, e quizais mesmo a versión radiofónica que levou a Orson Welles á celebridade, cando supostamente provocou o pánico ó facer crer ós americanos que a invasión extraterrestre estaba sucedendo de verdade (en realidade é un mito: foi Welles quen esaxerou o impacto do seu programa xustamente para conseguir esa celebridade.O total de telegramas de protesta que recibiu a emisora foi de dez).A novela de Wells foi innovadora non tanto no campo da literatura como no do xornalismo: inventou unha nova forma de sensacionalismo, un medo. E cada versión da historia actualiza ese medo. Wells pensaba sobre todo no imperialismo de Alemania, que acababa de unificarse. Na primeira versión cinematográfica do 1953 que dirixiu Byron Haskin, en cambio, os marcianos viñan do Planeta Vermello en máis dun sentido: eran claramente comunistas e dispuñan dunha bomba atómica. Era a obsesión do momento, porque catro anos antes a URSS fixera a súa primeira proba nuclear no Kazakstan. Ó mesmo tempo aínda seguían presentes no subconsciente colectivo os fantasmas inmediatos (as escenas de destrucción eran material sobrante da Segunda Guerra Mundial). Curiosamente, Wells escribira o seu libro como unha sátira sobre a loita de clases (era socialista), pero a súa disquisición política foi sustituída por unha mensaxe relixiosa. Pouco máis de cincuenta anos despois non hai xa Unión Soviética. Por non haber non hai nin sequera marcianos e os únicos seres extraterrestres que existen con seguridade somos nós, é dicir: os astronautas que mandamos fóra da terra. Pero seguimos sen embargo temendo ser destruídos por unha civilización superior. Esa civilización non existe e no fondo non é máis que un reflexo deformado da nosa. Temémonos a nós mesmos, en definitiva. Dicía eu que ó final, na guerra dos mundos, o que gaña é o noso. Pero en realidade tamén é o que perde, porque nós somos os nosos propios invasores e as nosas propias vítimas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos

Invasores