Trasalba

| VÍCTOR F. FREIXANES |

OPINIÓN

24 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

UN ANO máis, os amigos de don Ramón reunímonos en Trasalba, nas bocarribeiras do Miño, pasados os chaos de Amoeiro, segundo se vén do norte pola estrada de Cea. Tamén se pode chegar polo sur, dende Ourense ou Ribadavia, ata a parada da Santa Cruz de Arrabaldo. Ou pola costa de Canedo, pina e dereita, subindo por Quintela. Don Ramón é don Ramón Otero Pedrayo, o Patriarca. No ano 1976, pouco antes de el morrer, visiteino na súa casa da rúa da Paz, en Ourense. Andaba eu na redacción do meu primeiro libro, Unha ducia de galegos , e pregunteille por Trasalba. «Trasalba era o paraíso», explicoume, «a infancia, o contacto co cosmos, a noite terrible, os solpores, a choiva, os cambios da lúa... Trasalba era, para os nosos ollos de nenos, o berce do universo...». E impresionoume moito outra imaxe que me describiu daquela: «cando eu era rapaz, a xente aínda entraba en Ourense dacabalo, por camiños emparrados de viñas, sen tirar da cabeza o sombreiro». Reunímonos os amigos e admiradores de Otero (amigos da súa memoria, admiradores da súa obra) nese espazo simbólico que é o lugar de Trasalba, casa grande, eido familiar, que mañá nos acolle en romería. Nesta ocasión facémolo, ademais, para lembrar a Agustín Sixto Seco, que xa non está connosco, e que adicou unha parte importante do seu esforzo, da súa xestión, do seu tempo e do seu entusiasmo, que era moito, a recuperar estas pedras, estas encostas, estas varandas e horizontes. Hai lugares máxicos aos que só se accede por un impulso especial. Eu fun coñecer Mondoñedo porque lin antes a Álvaro Cunqueiro, igual que Dublín é Joyce, Elsinor é Shakespeare, Praga non se entende sen Kafka, nin Manhattan sen John Dos Passos, nin Lisboa é a mesma sen Fernando Pessoa... Hai espazos que, ademais de reais, son territorios soñados, recreados, imaxinados... Subín ata Trasalba por primeira vez, hai quince ou dezaseis anos, na compaña de Ramón Villares, e Augusto Pérez Alberti explicounos o mundo case que coas palabras de don Ramón, dende o mirador da bocarribeira. Na xeografía da peregrinación cultural e literaria galega (xeografía a reivindicar, pular e coñecer) merecen un capítulo sobranceiro algunhas casas dos nosos escritores. A primeira de todas: a Matanza de Rosalía de Castro en Padrón, recuperada nos anos 50 e enriquecida ou apuntalada tamén pola xestión de Agustín Sixto, que presidiu o Padroado ata o seu falecemento. Non é a única. Penso no pazo de Moldes, de Antón Lousada Diéguez, en Boborás; ou na casa de Eduardo Pondal en Ponteceso; a recén recuperada de Curros Enríquez en Celanova; a de Castelao en Rianxo; a de Valle Inclán en Vilanova de Arousa; a de Wenceslao Fernández Flórez en Cecebre; a de Vicente Risco en Allariz, a casa-museo de Camilo José Cela en Iria Flavia, que sen ser casa natal é casa de referencia... Trasalba é o territorio de Otero: a memoria da terra, a súa respiración, que el sentía cada mañá, nada máis asomarse á fiestra, coma un xigantesco ser vivo, autónomo, que o abrazaba e o recollía coma un útero feliz, protexéndoo, e a través do cal os seus ollos de neno foron enxergando o mundo, as lindes do universo, as primeiras palabras, a música secreta das cousas todas... No primeiro domingo do verán, entre San Xoán e San Pedro, ata aquí vimos os romeiros a reconciliarnos coa antiga república dos avós, a vella estirpe campesiña, que era a utopía que don Ramón soñaba.