GAÑARON por 100.000 votos e na Galiza ven de rematar un Réxime. O 52% dos votantes apoiaron ao BNG e ao PSOE para que o PP, que só logrou o 45%, pase á oposición. A afirmación de que na Galiza remata un Réxime pode parecer discutibel na medida en que, evidentemente, non mudarán as instituciones políticas. Pero ao non conseguiren Fraga e o PP a súa quinta maioría absoluta, ninguén nega que finda unha etapa de goberno tan desmesuradamente longa que os analistas nin siquiera están de acordo sobre cando empeza. O PP fala sempre dos 15 años de goberno Fraga, que xa non é pouco tempo sen alternancia para un réxime democrático nunha sociedade que se quere plural. Pero sería enganoso aceptar ese prazo. Desde que en 1981 se constitúe o Parlamento, AP-PP gobernou durante 22 deses 24 anos, coa excepción daquel goberno tripartito de González Laxe (1987-1989) ao que nin a dereita apartada do poder, nin o goberno socialista de Madrid, nin unha parte do socialismo da Galiza lle permitiron lexitimarse. En realidade, para entender a dificultade do cambio político na Galiza, hai que reparar en que desde hai case setenta anos sempre gobernaron os mesmos. Iso é un réxime na conciencia civil. Aló por 1977, fai neste xuño 28 anos, nas catro provincias galegas gañou a dereita que se chamaba centro e un centro que era case esquerda. A esquerda e o nacionalismo, recén saídos da Dictadura e sen hábitos democráticos, con líderes e partidos novos, sen relación coas tradicións políticas republicanas, foron fracaso ou simple testemuño. Aquel centro, a UCD, foi o partido da transición perfecta no seu discurso (superar a guerra) na súa práctica (amnistías) e nos seus líderes. Pero tamén o da continuidade perfecta na Galiza. Entres os seus deputados había un equilibrio estricto do novo e do vello. A metade exacta eran profesionais que rondaban os trinta anos e nunca tiveran cargos políticos; a outra metade dirixentes consagrados no franquismo pero de ministro para baixo: presidentes de deputación, procuradores, cargos ministeriais. Aquela fórmula arrasou electoralmente na Galiza e pechou o paso á dereita de Fraga e máis á esquerda. Foi a galega unha transición tan modélica que, visto o que pasou despois, case pode decirse que non a houbo. En perspectiva histórica, a UCD conxurou os riscos de mudanza da Transición e axiña AP (1981) e despois o PP garantiron que todo seguira igual, pasado aquel inicial tempo de mudanza, máis aparente que real. Por iso a sensacion hoxe é de cambio de réxime. Daquela se asustaba a votantes que nunca exerceran os seus dereitos, co medo á guerra e cunha tripla propaganda: os comunistas ían quitarlle a vaca, os socialistas o subsidio e os nacionalistas eran quen queimaban os montes. Dúas xeracións máis tarde -seguindo a conta orteguiana- a esquerda e o nacionalismo están en condicións de iniciar a primeira auténtica transición -que non ruptura- neste país. A mairoía de un deputado é abonda. A que tivo Fraga en 1989, máis da que Albor en 1985. Esixirá do sentidiño de Touriño e de Quintana que non cometan erro ningún e intúo que son os líderes co pragmatismo adecuado para este momento. Teremos a sorte de velo.