¿Vegadeo ou A Veiga?

| ISAAC DÍAZ PARDO |

OPINIÓN

12 jun 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

ENTERÁMONOS polos medios que Vegadeo vaille adicar un homenaxe as xemelgas Jimena e Elisa Fernández de la Vega con motivo de se cumprir os 110 anos do seu nacemento. Sábese que estas dúas irmáns eran tías da nosa entrañable Teresa Fernández de la Vega, quen ten confesado telas moi presentes na súa vida. Sábese tamén que Jimena e Elisa foron as primeiras mulleres que se licenciaron en Medicina na Universidade de Santiago coas máis altas notas e a Gran Cruz de Alfonso XII polo seu impecable expediente académico. Sábese así mesmo que Elisa casou co decano da Facultade de Medicina da Universidade de Zaragoza, Gumersindo Sánchez Guisande, persoeiro moi importante do exilio da II República, que morreu en Mendoza, Argentina, con gran dignidade. Elisa, a súa muller, morreulle cando ela tiña 38 anos. Do que pouco se sabe é que Vegadeo era A Veiga, cando as terras que discurren os ríos Eo e Navia eran galegas pertencendo á xurisdición de Mondoñedo, que as perdeu nun contencioso co bispo de Oviedo por cuestión dunha muller. Non se sabe se ésta era fermosísima e valía máis que as miles de hectáreas que perdía o bispo de Mondoñedo por ela. Ou se tiña interés económico pola gran fortuna que representaba. Estabamos no século XII. E a trapallada de dividir España en provincias, como en Francia na Constitución de Bayona que fai o francés débese a que este tomou a división eclesiástica pra facer a provincial. Vegadeo era A Veiga; alí fálase galego e a maior parte da xente chámalle A Veiga. A familia de Fernández de la Vega extendeuse por Galiza ademais de por outras partes. En Lugo tiñamos ao noso admirado Cilistro (Celestino Fernández de la Vega). Pode que nun tempo os Fernández de la Vega foran Fernández da Veiga. Hoxe están emparentados cos Lombán, os Cotarelo, os Valledor... Os bispos fixeron tamén da Galiza un pandeiro e nin os de dentro nin os de fóra respetábannos como somos, como debiamos ser. Don Armando Cotarelo Valledor, catedrático da Universidade de Santiago, numerario da Real Academia Española, autor dunha importante obra teatral e literaria, primeiro presidente do Seminario de Estudos Galegos, cuia creación impulsou xunto co outro catedrático don Salvador Cabeza de León, don Armando, digo, naceu na Veiga (Vegadeo) e dicía: son galego e nacín na Veiga e non podo aceptar que polo contencioso duns bispos cambiaran o nome do meu pobo e tentaran roubarnos a nosa identidade. Da familia Fernández de la Vega/Sánchez Guisande fican na Argentina tres fillos: Wenceslao, que axudou ao seu pai a embalsamar o cadáver de Castelao; Luciano, tamén médico; e Elisa, asistenta social. Mais xa que falamos deste excepcional médico que foi Gumersindo, morto no exilio, convén recordar a outros dous médicos compostelanos como el que morreron alá: Antonio Baltar (do que xa temos publicado un libro) e Leoncio Virgós, este máis dramático, morre na Patagonia onde o Goberno argentino non exixía a convalidación dos títulos para exercer por baixo do paralelo 42. Dicíase na Argentina que este médico morreu pouco menos que na miseria pois non facía máis que axudar a os nativos olvidados naquelas terras. Tanto Baltar como Virgós eran profesores da Universidade e foron dous dos moitos profesores destituídos na desfeita do ano 36. Queda moito por recuperar da memoria histórica de Galiza. Nin os socialistas de Santiago saben ren de quen foi o seu presidente.