NON TODO é malo. Algunha cousa lle debemos ao Festival de Eurovisión. Por exemplo, Luxemburgo, da existencia do cal nunca houbésemos sabido, seguramente, de non ser por este certame da canción. Máis importante aínda, Eurovisión, ese festival hortera e aburrido a máis non poder ao que os países envían algúns descoñecidos para interpretaren o que basicamente é a mesma canción con lixeiras variacións, sírvenos como observatorio dos avances, xa que non da música, polo menos si do europeísmo como concepto. De feito, todo indica que foi de Eurovisión de onde foron sacando ideas os creadores do Mercado Común primeiro, e logo a Comunidade Europea e a Unión Europea. A falta de transparencia na elección dos participantes de Eurovisión e a falta de rigor nas votacións parecían o modelo no que se inspiraban ata hai pouco as institucións europeas, coa súa euroburocracia e o famoso «déficit democrático». Agora, son os novos mecanismos de voto contemplados na Constitución europea os que parecen inspirados nos tamén novos mecanismos electorais de Eurovisión, onde xa non vota unha arbitraria asemblea reunida nun plató de televisión senón a vontade popular expresada a través da telefonía móbil. Por iso, porque Eurovisión é a mellor metáfora da Unión Europea, xa non temos que agardar ao resultado dos referendos que se van celebrar en Francia e Holanda. O sábado Europa enteira dixo non á nova Constitución, e díxoo cantando, e escenificando claramente nas votacións a súa falta de madurez: os escandinavos votándose entre si, a comunidade albanesa de Macedonia votando a Albania como un só home ou muller, Ucraína e Rusia expresando alegremente a hostilidade política que existe entre as dúas, Moldavia votando á patria romanesa e viceversa¿ Todo era predecible: se Bosnia-Herzegovina daba moitos puntos a Serbia e Montenegro non era evidentemente unha cuestión de gusto musical senón unha declaración de principios da comunidade serbo-bosnia, mentres que, como ben sinalou a crónica de La Voz, resultaba irónico que os máximos contribuíntes europeos (Reino Unido, Francia e Alemaña) quedasen nos últimos lugares. E un non podía evitar a sensación de que neste festival de nacionalismos mediocres, mesquiños axustes de contas e berros desafinados, fose quen fose o gañador, a perdedora era Europa.