CADA 17 de maio, Día Mundial das Telecomunicacións¿ En principio era a fala, que facía humanos os seres dunha especie distinta: a dos fabuladores. Despois veu a escrita, viñeron os símbolos que obrigan a transpor o gráfico no audible, o son na letra. Cos séculos chegou a telecomunicación. Primeiro de símbolos, de escrita. O telégrafo empequeneceu o mundo. Pero sería o teléfono o que conquistase os corazóns. As redes de telecomunicación medraron porque a xente quería falar. E, de súpeto, a radio: a radiodifusión sonora que veu encher paixóns, difundir pensamentos, enlouquecer coa propaganda, divulgar Literatura oralizada. A capacidade de suxerir da palabra, insuperable por ningún outro medio de expresión, triunfou. Houbo un lapso. Naceu a televisión e pensouse que as telecomunicacións se entregarían ao servicio da imaxe, pero non: a radio e o teléfono, a fala que determina todo con matices, que todo expresa con leves modulacións, mantíñase en trunfos. Verbas. Fala. Telecomunicación. Imaxe televisiva fortemente apoiada na palabra¿ Primavera de 2005. No mundo florece a telefonía móbil, personalizada, e fanse apostas por unha nova forma de comunicar, de novo con verbas, con sons humanos intencionados: vai vindo a comunicación vocal pola Internet, a interrede global que se pensou para transmitir escrita e imaxes. 17 de maio de 2005, Día das Letras. Os lingüistas insisten en que non hai nada que celebrar se a fala non se aguanta, se non medra sobre a poboación viva, que sente e pensa condicionada polo falar. Nunha nova viravolta do longo río das telecomunicacións aparecen os fenómenos da radio e da televisión dixitais. O Goberno de Galicia convoca concurso para servicios novos, que poden levar aos receptores son e imaxe con son (palabra e vídeo apoiado na palabra) dunha calidade inimaxinable¿ Radio Galega e Televisión de Galicia. Oxalá que algún Día das Letras Galegas se dedique a homenaxear o que as Telecomunicacións fixeron por elas.