Historias de hai medio século

ISAAC DÍAZ PARDO

OPINIÓN

17 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SI, son historias pasadas mais hoxe aínda teñen ramas e follas. Con motivo dunha diferente interpretación con Alonso Montero saíron a relocer na miña anterior e última crónica historias de Florencia con Pilar Primo de Rivera, o mestre Tellería... Era o ano 1942. Durante o xantar no hotel unha «dona fascista» nos anunciaba os éxitos do imperio: «Habiamos prendere Tobruk ¡Viva il Duce!». Ao cabo de dous días voltou a proclamarnos o mesmo: «Habiamos prendere Tobruk ¡Viva il Duce!», e os tres españois dixémonos en voz baixa «esto non está craro pois nos din cando toman Tobruk mais non nos din cando o perden». Tratábase da loita na Cirenaica entre o zorro do deserto o mariscal Rommel e o inglés Montgomery. Había tempo que os italianos foran desaloxados da Abisinia do Negús. E como se sabe aos poucos meses os rusos cercaban en Stalingrado a cabeza do exército alemán e os norteamericanos desembarcaban no norte de África, Tratábase do principio do fin das groriosas fazañas do Eixo Berlín-Roma-Tokio, que houberon de ter ao mundo nun puño se as forzas conxuntas dos alemáns cruzan o Volga e chegan ao petróleo do Caspio. Poucos se queren acordar que acó estivo o punto máis grave do destino do mundo e que aquí hai que agradecerlle moito ao sacrificio do pobo ruso e a quen o conduxo con man de ferro, Stalin, naquela batalla, aínda que noutras cousas que lle atribúen teñamos que pedirlle contas. Funme do tema da miña vinculación de hai máis de 50 anos coas belas artes. No 45 rematárase a guerra na Europa. No 46 xa poidéramos viaxar fóra de España e empezamos a ter unha perspectiva do que acontecía no Ruedo Ibérico. Mais eu aínda tiña cousas pendentes en Madrid e vese que figuraba nas listas de plásticos que tiña o ministerio, e polo 51/52, previa invitación entregáronnos un libro de Dalí publicado en castelán en Norteamérica. O seu título era Recuerdos Intrauterinos de Salvador Dalí (hoxe a Fundación de Cadaqués vende un libro de Dalí con este mesmo título mais cun contido ben distinto, reescrito e endozado para turistas. No libro que nos prestaba o ministerio Dalí decía todo tipo de disparates con esceas escabrosas, algunhas sacrílegas frente a un Cristo crucificado. O libro traía un estampado de carimbo no que se advertía que era propiedade do ministerio e que tería de devolverse a el en poucos días. Era unha atención do ministerio para que coñecésemos a este artista español e nos enterásemos do libre que era (de artistas como Picasso ou Alberto o ministerio non decía ren). Aquelo tiña todos os visos de algo raro. Poucos meses logo, recibimos do ministerio unha invitación para asistir a unha conferencia de Dalí no Teatro María Guerrero. Nela Dalí vestido con capa e espada fixo o gran eloxio de Franco como o gran salvador de Occidente. Naquel seu estilo dixo: «Picasso es un genio. Yo también lo soy», «Picasso es comunista. Yo tampoco», e leeunos un telegrama que lle ía poñer a Picasso pra que deixase de ser comunista. Logo enterámonos por Radio París que Picasso contestoulle con outro cun texto que según o comentarista a funcionaria de telégrafos que o tramitaba púxose enroxecida ao leelo. ¿Canto tería cobrado o ávida dollar . Salvador Dalí, por este traballo ao franquismo e a os norteamericanos, que remataría no 53 convertendo á España de Franco, aquela que tanto ten denostado ás democracias xudeo-masónicas, nun territorio cheo de bases militares americanas?