Trinta metros

OPINIÓN

16 abr 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SEGURO que nin os arquitectos que deseñaron as vivendas de trinta metros nin a ministra que veu en tal invento a solución ao problema da carestía dos pisos viviron nunca en tales nichos. Vivirían ao sumo nunha habitación de estudiante, coma min e tantos outros. O cuarto onde eu vivín cinco anos tiña o espacio xusto para a cama, o armario, a mesa e un lavabo, que eu ocultaba tras unha cortina. Molestábame non ter un baño propio, pero dispoñía na residencia dunha espaciosa sala de música con piano, tocadisco e unha boa colección de discos; e dunha biblioteca espléndida e dun bar agradable e dun xardín con árbores a onde daba a ventana do meu cuarto e onde estaba o comedor. Non era unha casa, era un dormitorio, e todo o demais que necesitaba tíñao desperdigado noutros espacios próximos. Pretender meter en trinta metros o que unha persoa necesita para vivir decentemente, poñendo como exemplo a vida dos estudiantes, é unha falacia. E non digamos se se trata dunha parella. ¿Como conseguir un pouco de independencia nese espacio? ¿Como non interferir co que está a facer o utro? ¿Imaxinan o que deben de ser os olores do baño e da cociña mezclados nun espacio tan pequeno? ¿E os ruidos dos veciños? Eu téñolles contado o que teño oído a través dos tabiques do meu piso de Madrid: dende pelexas matrimoniais a plans de suicidio. O último é menos dramático. Todos os días de luns a venres, ás sete en punto da mañá, espértame a voz dunha muller que berra: «¡Pablo, Pablo, é a hora!». Non sei se será paralítica porque non entendo que se poña a berrar dese modo en vez de achegarse ao cuarto do rapaz. Pero se esto sucede nun piso de douscentos metros, ¿que se oirá nun de trinta? En Tokio a escaseza de espacio levou a construír hoteis para executivos nos que o dormitorio é un nicho na parede no que só cabe unha liteira cun aparato de televisión aos pés. Se a algún arquitecto se lle ocorre traelos para aquí, non faltará ministro/ministra de turno que lle dea a súa bendición.