NO FONDO do fiordo, á beira da auga profundamente mansa o mercado do peixe engade cores ao barrio vello da cidade. Baixo carpas coloridas, en tanques nadan os bacallaos que os clientes escollen. Falando de bacallao, no presente e no pasado, do que significou para os pobos de Europa (mesmo parte da gastronomía do interior do continente), uns viaxeiros galegos entran na epopea da pesca xunto cos seus anfitrións noruegueses: os bacallaeiros, as campañas longuísimas, as condicións de vida infrahumana daqueles pescadores¿ «Homes de ferro en barcos de madeira»: a conversa deriva cara ao Gran Sol, historia por novelar dun pobo -o galego- sen escritores inclinados á épica. O libro que veñen de publicar unha autoridade portuaria e unha caixa de aforros conduce a reflexións con cervexa: o mundo poderoso da pesca de altura, o que fixo temibles os galegos -depredadores do mar e comedores de peixe- esboroa, desfaise: «Os rapaces da costa vanse á construcción». «Hoxe, nos barcos galegos saen ao mar africanos, peruanos e mesmo indonesios. Velaí o que pasou co de Burela». A pesca era un baluarte da cultura propia. Na fala dos mariñeiros concentrouse o zume do idioma sen fronteiras, o que definiu Portugal e gañou espazos de África, Asia e América. Pero iso rematou. Os noruegueses fican sorprendidos, e dan a súa versión dos feitos: en Noruega sáese ao mar con camarote individual, sauna e solario. Os barcos de pesca son -como os de guerra- perfectas máquinas para venceren as veleidades do mar. Levan todos os automatismos e as comunicacións que a técnica dá. A vida a bordo é digna de homes valentes que queren vivir como humanos. O seu heroísmo redúcese a non temeren as ondas¿ De volta, España resulta sórdida, país no que as condicións de traballo non se melloran para que os españois gocen delas. Cédeselles o posto perigoso a inmigrantes que se agarran a calquera choio. Porque a Península Ibérica non é a Escandinava: aquí a cobiza mata a imaxinación.