Cincuenta anos con Merlín

OPINIÓN

A PRINCIPIOS do ano 54 Francisco Fernández del Riego recibe os primeiros folios. «Coido que é un feixe de historias interesantes...», escríbelle o autor ao editor ( Cartas ao meu amigo ). Mediada a primavera aínda andaba ás voltas co índice. «Quero que sexa unha cousa ampla, incluso con noticias de personaxes e países que non van no texto...». En maio, impaciente, pregunta polo orixinal. «¿Qué hai do Merlín ? Agora parece que es ti o que anda de remolón, e non contestas». Seica lle propuxeron a Carlos Maside que fixese as ilustracións, e nalgún momento pensaron en Pepe Sexto ou Lugrís. Pero ao final foi Prego de Oliver quen se decidiu a poñer rostro ás figuras. Os ollos de Felipe de Amancia, sentado no colo do señor Merlín, transmiten a marabilla do seu asombro, a mesma fascinación que nos estremece a nós, os lectores. Cúmprense cincuenta anos da primeira edición de Merlín e familia , a obra coa que Álvaro Cunqueiro reinicia a súa relación coa lingua galega, escrita dende o desterro interior de Mondoñedo. Poucos libros tan felices, tan intensos, tan universais... A resurrección da narrativa de postguerra, logo da desfeita do 36, afíncase sobre tres esteos: as historias de Ánxel Fole (1952), A esmorga de Eduardo Blanco Amor (1959) e o Merlín de Cunqueiro. Son tres liñas distintas e, ao mesmo tempo, complementarias: tres ríos cara a un mesmo mar. Foi o profesor Carballo Calero quen puxo nas miñas mans por primeira vez, en sendo eu estudante en Compostela, a obra de Álvaro Cunqueiro. A nosa xeración, afervoadamente politizada nas loitas universitarias do 68 e o 72, non vía con bos ollos ao mindoniense. Tiñámolo por franquista ou, cando menos, por colaboracionista co réxime, na posición extrema do que podía significar daquela a obra de Castelao ou de Luís Seoane, por exemplo. Cando preparei a selección de persoeiros que entrevistei no meu primeiro libro, Unha ducia de galegos (1976), Cunqueiro non está entre os elixidos por iso: por prexuízos políticos. Qué disparate. Pero cada xeración ten as súas marcas, a súa propia historia persoal, as súas limitacións. Foi Méndez Ferrín, curiosamente, quen nos tirou a venda dos ollos, ben me lembro: «É o noso gran poeta. Un magnífico escritor. O tempo axigantará a súa obra...». Visitei Mondoñedo por primeira vez, alá nos anos 80, porque lin a Cunqueiro, fascinado por Cunqueiro. Dende o alto do mirador da Xesta o val era un mar de néboa, a esluirse paseniñamente baixo o tépedo sol do inverno. Carlos Reigosa levoume a ver as terras de Miranda. Xeografía fantástica, imaxinada, que se extendía diante dos nosos ollos coma un escenario marabilloso. Alí estaban todos: a señora Xenebra, o anano do castelo, Felipe de Amancia, a princesiña namorada, a serea, o camiño de quinta e pon, a selva de Esmelle «que mellor que dicila fora pintala...». ¿Quen di que os escritores non crean o mundo? Mondoñedo (Galicia) existe porque o soñou Cunqueiro que cada mañá, coma o señor Merlín, saía á porta da casa, deitaba no aire unhas pingas de auga miragreira e tinxíao todo de luz.