CONDOLEEZZA Rice non se condoe nin do ministro Moratinos que lle suplica un sorriso. Mal sabían as abolicionistas que pronto se ía facer realidade aquilo de Deus, muller e negra. Esta poderosa muller, inspirada concertista de piano, patinadora artística, estudiada e culta, cerebro neocón de Bush, recorre Europa como unha deusa, vendendo liberdade liberal e marcando as pautas da política internacional. Os grandes da terra dispútanse os seus favores. Ela, firme, dura, perfecta, prodígaos pouco. Leva elegantes traxes de chaqueta sen ostentación; cruza unhas bonitas pernas sen coquetería, sen pensar nelas. Non é unha muller obxecto. Segura como un home, non se esforza en agradar, en ser recoñecida. É totalmente antifeminina. Demostra co seu estar que o feminino non é esencial, que é un tópico que non ten relación co xénero, senón coa falta de poder. Só lle detecto unha debilidade, un prexuízo: non é quen de soltarse os rizos. Ese pelo teso é o seu talón de Aquiles. Cando unha muller alcanza tanto poder, é normal que provoque indignación. Mugabe, presidente de Zimbabue, tachado por Rice de tirano, acúsaa de ser a voz do amo branco e de renegar das súas ancestras, as escravas negras. Ignora que aquelas escravas sentiríanse orgullosas e resarcidas se viran a esta descendente na cúpula hexemónica. Tamén é abominábel para o feminismo que equipara as mulleres co pacifismo e a tenrura, e reserva para os homes a agresividade. Falso. Incorporadas a todo tipo de traballos e responsabilidades, haberá que esquecer o xénero á hora de xulgar os comportamentos. Que un explotado laboral, chegado a patrón, sexa tan explotador como o que máis, non nos conduce a desexar que os explotados non se liberen nunca, nin que Rice nunca debeu saír da escravitude para non chegar ao cargo que hoxe ocupa. Os cambios políticos e ideolóxicos teñen outra vías. Hai anos eu afirmaba que o poder corrompe. Certo. Hoxe sei que a falta de poder tamén prostitúe e, ademais, leva á morte.