Ellen McArthur

| LUISA CASTRO |

OPINIÓN

PILAR CANICOBA

09 feb 2005 . Actualizado a las 06:00 h.

VIVIR é non ter medo. Iso nos acaba de demostrar Ellen McArthur co seu récord na volta ó mundo en barco. Setenta e un días contra todo, contra o mar. É a máis rápida polo momento, aínda que non a única en navegar o mundo, o que demostra que con boa tecnoloxía e cun equipo que che permita preve-la ruta e dosifica-los esforzos necesarios para chegar a bon porto, a volta ó mundo en barco non é un risco insuperable. Pódese facer. É moito máis difícil alcanzar as praias de Cádiz en patera. Apenas unhas cantas millas de navegación abondan para preñar de cadáveres as costas españolas. Xente desesperada, famélica, apiñada en barcazas sen equipos de salvamento nin documentación, africanos que veñen de Mali, de cruzar o deserto, e que perden a vida a puñados diante dos nosos fuciños sen que ninguén o queira evitar. Isto é Europa. É a tele a que me vai dando noticias do mundo e do tempo, noticias de hoxe e de onte que parecen a mesma. E eu non sei se fío ben ou mal, pero tamén vin na Segunda o documental sobre o tren dos novecentos e pico españois que Franco enviou a Manthausen para desfacerse deles e que acabaron queimados polo réxime nazi. Aquel era o tren dos roxos, dos refuxiados políticos que ninguén ía refuxiar, e que acabaron exterminados nos fornos de Europa. ¿Qué son as nosas pateras? ¿Cántos africanos levan perdidas as súas vidas nas costas españolas? Ese éxodo cara á morte, ¿quén o comanda? ¿Estase desfacendo África de xente que lle sobra ou estamos nós asistindo ó comezo dun novo deporte? O deporte chámase gañar ou perder a vida, chegar con vida á costa e con algo de sorte poderse quedar. Eu daríalle a nacionalidade e un posto de traballo a todo o que sobrevivise a semellante odisea, porque o que consegue tal fazaña de seguro que é un bon cidadán. Ellen McArthur, coa súa volta ó mundo, danos exemplo do que é vivir, vivir con retos, vivir sen medo, pero tamén esa xente que cruza o Estreito nos está dicindo algo. Algo moi importante. Non sabemos ben o valor que ten ser europeos, ser españois, ser cidadáns. Non sabemos ben o valor que ten vivir a seguro nas nosas casas, cos nosos fillos. Simplemente intentar ser persoa é para moitos un deporte de alto risco.