O NAZISMO ten unha carga denotativa tan forte, tan intrinsecamente violenta, tan profundamente perversa, que estremece o feito de escoitar a palabra que o denomina. Por iso, disfrazarse cun uniforme nazi para acudir a unha festa, como fixo o príncipe Harry, membro da pintoresca monarquía inglesa, moito máis alá dun incidente de mal gusto, implica unha enorme falta de sensibilidade e, sobre todo, unha perigosa falta de conciencia sobre o significado político e social do nazismo. O nazismo foi responsable, non o esquezamos, do maior e máis abxecto drama humano que coñeceu a nosa civilización. Só no campo de concentración de Auschwitz, malia que se descoñecen as cifras exactas, morreron arredor de 340.000 persoas, unha cantidade que sobrepasa o número de víctimas producidas polo recente maremoto asiático. Pero a maior perversidade do nazismo non está no abraiante número de asasinatos planificados nos despachos de Berlín e executados nos campos de concentración, senón na inefable traxedia de cada unha das persoas, con nome e apelidos, tratadas coma se fosen mercadoría, que sufriron as crueis consecuencias de tan pérfida ideoloxía. Por iso é importante lembrar que o nazismo foi, esencialmente, un proxecto de exclusión racial, apoiado nun furibundo antisemitismo. Estes días cúmprense 60 anos da liberación de Auschwitz, ese lugar hoxe en ruinas onde as cinzas de tantos xudeos, ou de miles de detractores do réxime, xacen nos bosques dos arredores, sepultados nas fosas comúns debido á horrorosa sobresaturación dos crematorios. O poeta León Felipe escribiu nun poema titulado Auschwitz : «Eses poetas infernais, Dante, Blake, Rimabaud, que falen máis baixo, ¡que calen! Hoxe calquera habitante da terra sabe moito máis do inferno que eses tres poetas xuntos». Pois precisamente é agora, aos sesenta anos da liberación do máis arrepiante dos campos de concentración, agora que os desesperados fluxos de inmigración son cada vez maiores; agora que aínda acabamos de ser testemuñas de cómo a limpeza étnica presidiu o conflicto iugoslavo; agora que a extrema dereita vai gañando posicións en Europa día a día; e agora que o pobo palestino, como unha ironía da historia, sufre as consecuencias da negación e da exclusión; é precisamente agora, dicía, cando debemos permanecer máis atentos ca nunca ao devir da historia, volvendo a Auschwitz, para impedir que as atrocidades totalitarias do nazismo, vestidas con novas roupas, regresen outra vez onda nós.