A traxedia asiática

FRAN ALONSO

OPINIÓN

AGORA, no pesadelo dunha lenta e demorada recuperación, é cando a traxedia do sureste asiático se mostra con maior crueldade nos países afectados, sumidos nas sombras da morte e da desesperación. É certo que foi o alento da natureza, por veces terriblemente pérfido, o que ocasionou esa xigantesca catástrofe. E non está nas nosas mans impedir as catástrofes naturais. O que si está nas nosas mans, en cambio, é a posibilidade de neutralizar parcialmente as catástrofes gracias ao desenvolvemento técnico e económico que a humanidade alcanzou a estas alturas do século XXI. Por iso é unha verdade innegable que cando as catástrofes naturais acontecen en zonas economicamente deprimidas os danos multiplícanse e son moito maiores. Persoalmente, tiven ocasión de ser testemuña da profunda dor que asolou Centroamérica inmediatamente despois de que o furacán Mitch descargase a súa ira sobre a endémica miseria de Honduras, El Salvador e Nicaragua. Coma unha lousa, teño aínda impregnado na pituitaria o fedor dos cadáveres sepultados baixo a lama do volcán Casitas, que levou canda si a vida de 2.500 persoas e se instalou na miña memoria coma un pegamento irreversible. Como tamén teño amarrada á retina a valentía dunha poboación que, lonxe de esmorecer ante tanta desgracia, se felicitaba porque aqueles terribles danos non fosen aínda maiores: unha desconcertante filosofía da vida impulsada pola necesidade de vivir, de rexurdir, pola imperiosa loita vital dunha xeografía caracterizada polas carencias alimentarias e sanitarias e máis elementais. Toda a axuda humanitaria que agora se destine á traxedia asiática é positiva; toda a cooperación institucional é necesaria e mesmo imprescindible; e todas as donacións que se fagan a través das ONG (sobre todo a través das ONG que realmente saben vehiculizada axeitadamente) contribúen a paliar a situación. Pero ningunha destas medidas constitúe un remedio de futuro. A fórmula da solidariedade non constiste en que a cidadanía occidental se mostre xenerosa ante catástrofes puntuais senón en que sexamos quen de obrigar aos nosos gobernos a dedicar unha parte decisiva dos seus recursos e do seu labor a cooperar na loita contra a miseria e a pobreza deste mundo inxusto e mal distribuído, no que as desgracias sempre se ceban sobre desgracias.