AQUEL DIBUXO de Castelao no que uns vagabundos falan de que na cadea dan de comer mais terían que facer algunha tropelía pra que os detivesen... Agora estamos vendo que a fama e a falla de perspectiva dos povos subsaharianos pensan o mesmo e xóganse a vida en calquer barquiño ou patera pra tentar chegar ás costas de Europa, pois se os pillan e os meten na cadea daranlles algo de comer. Este problema, o do petróleo e o da enerxía nuclear son, sen dúbida, os máis importantes que imos ter no futuro, pois ningún deles ten boa solución. O do petróleo está condicionado pola limitación das reservas frente ao crecemento do consumo; a fame e o empobrecemento do terceiro mundo o determinan en xeral a explotación que fan del os Estados opulentos, cuia imaxe contemprada dende os que non teñen máis que fame fai medrar a súa determinación de acercarse ao mundo que nós disfroitamos, e se poden, invadirnos, aínda que moitos morran no intento. E do espallamento do conocemento da enerxía nuclear xa non colle arrepentemento. Acó tamén hai paro (¿cando non o houbo?), que se a vivenda é cara (¿cando un traballador de 1ª podía pensar hai 50 anos en ter vivenda propia?). Hai 50 anos, unha industria na que traballo non tiña máis automóvil que o director, e hoxe os 300 que traballan nela todos e todas teñen automóvil, e en moitas casas deles hai automóvil pra cada un dos cónxugues e moitos dos seus fillos tamén teñen movilidade para ir ao instituto e saír os días de festa coa moza. Hai datos significativos, como a información que temos de que a nosa gran flota pesqueira está tripulada na súa maioría por xente extranxeira, pois o oficio do mar é moi duro e arriscado e os mariñeiros de antes hoxe procuran millores traballos que teñen menos risco. Hai que recoñecer que a descentralización económica que supuxo o Estado das Autonomías foi por si soio un milloramento de todas e cada unha das comunidades do Estado español, e así poidemos acercarnos ao nivel da Europa que fica ao norte dos Pirineos. Galiza non foi precisamente a máis beneficiada, pois moitos problemas de orde global nos pillaron en coiros e sen defensas, por exemplo frente ao neoliberalismo... (¿Máis, quen se atreve a sacarlle aos poderosos esa liberdade que teñen pra maniobrar e quedarse co patrimonio dos que teñen menos?). Así, Galiza foi caendo nesa especie de colonización que nos ten atados de pes e mans mentras vai deturpando a nosa personalidade que aportaba ao estado Ibérico a riqueza da nosa diferenciación, e valores como o noso idioma van perdéndose porque as falas fóronse indo cos que teñen o control dos recursos económicos, e repito unha vez máis que quen non vexa como se está operando esto aínda hoxe en Filipinas e en Puerto Rico, é sinxelamente que non ve ou que está no negocio de servir aos que teñen poder económico contrario aos nosos intereses sociais económicos e de información. Comencei esta nota con eso de que a historia se repite, pra falar da fame de onte en Galiza e a de hoxe nos povos de África. Máis esta máxima non sirve pra todo, pois a envergadura dos problemas actuais non teñen tradición: un deles é o montaxe da sociedade da opulencia sobre o recurso do petróleo; outro imparable é o coñecemento sobre o tratamento da enerxía nuclear, e algunhas veladas intencións de certos sectores pra eliminar razas e relixións que non son as nosas, tamén andan por ahí.