Medo á crítica

OPINIÓN

04 dic 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

MÁIS DUNHA VEZ teño escrito que a ausencia de crítica é unha das nosas peores eivas colectivas. Crítica vista como guieiro para autores e lectores e para quen queira arrequentar o seu criterio sobre o que sexa. Estou convencido de que non interesa. Témeselle. Prefírese a aceptación dos confrades. A miña sorpresa é que Jacques Bouveresse, no seu libro Prodiges et vertiges de l'analogie , láiase do mesmo e dinos que, aínda a crítica máis fundada, soe ser tomada por unha actitude policial ou inquisitorial. E lembra a Voltaire, para quen un simple soldado ten o dereito de criticar ao seu xeneral, sen que por iso teña que ser substituído. Bouveresse refírese aos que se sentiron doídos pola brillante crítica dos físicos Sokal e Bricmont a filósofos e autores franceses que teñen abusado de analoxías moi dubidosas collidas da linguaxe das matemáticas e da física. Un coidaba que en Francia as cousas terían outra altura; pero, se tanxemos certas cordas, o noso ouvido recoñece melodías tan enxebres como familiares.